As bolboretas nocturnas non eran boas compañeiras de viaxe nas estradas -aínda por asfaltar- de Ribeira a Noia e o pequeno mapa-mundi do concello de Santa Uxía de Ribeira: a de Martín con saída a Castiñeiras e enlace coas de Aguiño, Vixán, Carreira, Olveira, Corrubedo, Oleiros e volta a Ribeira abeirando Casalnovo (Casanlobo, no dicir popular) para, en bicicleta, continuar pola Coelleira (Cunlleira, daquela), con Artes a unha banda e a estrada a Palmeira por Moldes e, ao retorno, Ribeira, Ameixida, Castiñeiras… estradas todas elas de terra e pedras (morrillo) que desfacían as rodas da bicicleta e coas avelaíñas sobrevoando ao ciclista e obrigando a este a pedalear coa boca fechada diante da posibilidade de tragar un destes pouco ou nada gratos bechos.
Eran as avelaíñas compañeiras sempiternas nas noites de verán daqueles anos 50-60 do século pasado, cando o sol adormecía unhas poucas horas, as xustas para que Marcial alistara o seu racú e a familia Miniño apagara as “mariposas” que alumaban o cruceiro que gornecía a praza na que o domingo cantaruxaba un cego en relatos de mortes e agoiros mentres no “portland” da señora Julia outro cego, de nome Antonio, pedía esmola coa súa salmodia de “eu non vexo nada” e botaba pestes cando comprobaba que os cativos enchían o seu prato non de moedas senón de cunchas de berberechos. Daquela mudaba as ladaíñas e a furia que lle queimaba o peito traducíase nun “Mala mar vos coma, fillos de puta” ou o seu socorrido “que o demo vos leve ao inferno, castróns!”, mentres tanto os rapaces corrían entre a xente evitando no posible a “Juan sete cabezas”, garda municipal que disque falaba varios idiomas, entre estes o inglés.
Era o domingo o día no que, embarcacións a vela procedentes da outra banda da ría de Arousa, subministraban o mercado municipal ribeirense de produtos da horta que rapidamente se vendían.
Xa pola noite, a praza rebordaba de bolboretas nocturnas que aproveitaban as follas das verduras caídas que o nordés axuntaba en remuíños.
Eran noites de verán, de avelaíñas que ninguén apreciaba. Bolboretas con mal proveito

