Investíganse as causas do naufraxio, que non causou vítimas porque non había ninguén dentro do barco
Unha empresa especializada en traballos portuarios conseguiu reflotar o pesqueiro Illas Cíes esta mañá no porto de Ribeira despois dunha hora de operacións. A embarcación, de 10 metros de eslora, afundiuse mentres estaba atracada no seu porto base sen causar vítimas, xa que a bordo non había ninguén.
Mentres se levaban a cabo os traballos de recuperación, efectivos de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia despregaron barreiras anticontaminación para conter a vertedura de aceites e combustible. Segundo o xefe de servizo de Gardacostas, as condicións meteorolóxicas favoreceron a contención do hidrocarburo dentro da lámina de auga do porto.

