O feito de ter vivido 33 anos da miña xa longa vida na ditadura franquista -moito deste tempo no eido do xornalismo- permíteme arestora dicir sen trapalladas que non estaba errado cando, finado Franco na habitación dun hospital de Madrid, anos máis tarde do seu sepelio mantiña eu que, morto o xeneral ferrolán, non rematara o franquismo: este seguía vivo, por máis que por España adiante, quen máis quen menos, tentara asumir que a España dos anos 80 mudara tanto, tanto, que o franquismo só era unha parte da historia do noso vivir e que os españois escribiamos xa unha nova páxina da nosa historia. Unha máis entre as moitas que conforman o ser dun país tan complexo como é o noso.
E tal vez desa complexidade xurdan agora os males que marcan ata a eivar seriamente a unha nación de preto de 50 millóns de habitantes dunha sociedade rica -moi pobre por culpa dunha guerra civil e as consecuencias desta desde 1936, cando comezou, ata os anos 2.000, plenamente
integrados xa na UE que tantos beneficios políticos, económicos e sociais nos reportou.
Máis aló, no fondo, latexaba un sentimento de certa intolerancia, que recruaba e aínda permanece latente, para erguer valos alí onde moitos pensabamos que a democracia viñera por fin plantar flores nas inmutantes e pedregosas chairas tempo antes escenario de cruentas batallas nas que tantos milleiros de persoas perderan a vida nunha loita fratricida que non naceu nos pobos nen as familias.
Desde o pasamento de Franco, moitos máis españois dos que se pensaba gardaron na arca do fondo do faiado a involución como vía para retomaren o que outros moitos estabamos convencidos de que viña a ser todo o contrario do que era necesario: un temón novo que permitira paz, prosperidade, fraternidade e apertas no canto de liortas.
Chegounos de fóra a xenofobia que, contra os emigrantes, renacía alén as fronteiras e o franquismo agochado, adurmiñado, atoparon nos latinoamericanos e nos africanos migrantes en España a espoleta da súa bomba persoal: outra volta o saúdo fascista, as aguias, os cara ao sol que todo o contamina e conculca e aparecen os antítodo, os terraplanistas, os que non queren ver a realidade que delinean os fartos do medo, do terror, da cegueira que nos leva onde eles queren e que non é precísamente a Europa da que quixemos formar parte en 1986.

