A Consellería do Mar garante a formación sanitaria obrigatoria para o sector ante a falta de cursos do ISM

 

 

 

07 Decembro 2025

MAR PON A DISPOSICIÓN OS CURSOS DE FORMACIÓN SANITARIA INICIAL QUE PERMITEN AOS PROFESIONAIS DO SECTOR SEGUIR ENROLADOS

A Consellería do Mar vén de reforzar a súa oferta formativa coa posta a disposición do sector dos cursos de Formación Sanitaria Inicial, obrigatorios para que os tripulantes poidan enrolarse en buques pesqueiros e cumprir coa normativa marítima vixente. A medida activouse ante a ausencia de convocatorias por parte do Instituto Social da Marina (ISM) e a elevada demanda rexistrada nas últimas semanas.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na clausura do último destes cursos, celebrado na Pobra do Caramiñal, e destacou que esta formación “é esencial para garantir a seguridade a bordo, a correcta atención sanitaria en situacións de emerxencia e o cumprimento dos procedementos de embarque”.

Suárez lembrou que, ata hai pouco, a Mariña Mercante permitía o enrole provisional aos tripulantes que acreditaban ter solicitado o curso, pero coa entrada en funcionamento da nova plataforma electrónica esa excepción desapareceu, provocando unha demanda inmediata de formación sanitaria obrigatoria.

Medidas extraordinarias e reforzo da oferta formativa

Para evitar que os profesionais do mar visen limitada a súa capacidade de embarque, a Consellería activou medidas extraordinarias e ampliou a oferta a través das escolas náutico-pesqueiras autonómicas de Ribeira, Ferrol, Vigo e o Igafa (A Illa de Arousa). Nestes centros impártese formación non regrada cunha ampla programación anual centrada en cursos sanitarios e de seguridade marítima.

A esta oferta súmanse os cursos organizados polas confrarías de pescadores, subvencionados pola orde de formación cando estas entidades solicitan capacitación específica para o seu colectivo. Ademais, a Consellería tamén impulsa directamente accións formativas puntuais ou en colaboración con entidades acreditadas para dar resposta inmediata en momentos de demanda excepcional.

Nova orde de formación en xaneiro

A directora xeral anunciou que en xaneiro verá a luz a nova orde de formación, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que permitirá dar continuidade ás accións destinadas ao sector e planificar con maior estabilidade a oferta anual, evitando episodios de saturación como os rexistrados recentemente.

Compromiso coa profesionalización e a seguridade

Ángeles V. Suárez subliñou que “o obxectivo é garantir que ningún profesional do mar quede sen posibilidade de embarcar por falta dunha formación obrigatoria. Por iso activamos todos os mecanismos dispoñibles para atender ao sector con rapidez e eficacia”. Ademais, puxo en valor o papel clave da capacitación sanitaria e de seguridade como pilar na prevención de riscos a bordo.

“A profesionalización é a mellor garantía para un sector máis seguro, máis forte e con máis futuro”, concluíu.