“Cando se sobrevalora o que non é de seu”

 

 

 

 

 

Antón Luaces.

02 Agosto 2025

Teño a satisfación de poder dicir que a vida me concedeu a oportunidade de ter coñecido os meus catro avós. Con eles e nas súas respectivas casas, pasei as vacacións que non sempre tiveron meus pais, eles aínda menos. Que eu saiba, nunca. E meus pais, algunha que outra vez, se ben é certo que, como funcionario do Estado, meu pai tiña dereito ao seu disfrute.
Por este motivo non entendo que o líder nacional do PP, Núñez Feijoo, antes de se despedir oficialmente do Parlamento para facer o que, probablemente en plan de coña, dixo que estaban “sobrevaloradas”.
Quero supoñer que as vacacións que tiven a oportunidade de disfrutar ao longo dos meus algo máis de 40 anos de traballo por conta allea, non llos roubei a ninguén tendo en conta que son un dereito fundamental recollido no artigo 38 do Estatuto dos Traballadores ( que houbo que negociar, como corresponde a todo o que significa un dereito dos traballadores contemplado nunga lei de rango superior).
A ondaxe de indignación levantada polo presidente nacional do PP entre a clase traballadora (moitos de cuxos integrantes non poden acollerse a ese citado dereito pola súa carencia de medios económicos) foi e segue a ser tal, que, estou ben seguro, nen o propio Feijoo agardaba.
Sobrevaloradas as vacacións dos traballadores españois, que desde que as teñen como propias e merecidas non renuncian a elas por moito que existan patróns aos que nada poidera importarlles eliminar este dereito.
Ben sei que o dito por Núñez Feijoo non sería pensado en serio por quen aspira a ser presidente do Goberno español. E ben quixera saber tamén se o señor Feijoo renunciou algunha vez a esas supostamente sobrevaloradas semanas de descanso máis ou menos gañado a pulso. Ás veces canto podemos gañar calando o que podemos pensar aínda que sexa como brincadeira.
Supoño que a resposta cidadá a semellante arroutada vai tela moi en conta un político que, nomeadamente no caso de Núñez Feijoo, non é presidente do Goberno porque non quer. Talvez para non sobrevalorar unhas vacacións que, oficialmente, lle corresponderían.
Dicía miña avoa Maripepa que “o falar non ten cancelas”.
Verdadeiramente.