A frota española do arrastre ven demandando dende vai tempo, cambios. Cambios que permitan salvar os seus 900 barcos, 6.000 empregos e un terzo das capturas pesqueiras nacionais. Cambios que só poden outorgar o Goberno do Estado e a Unión Europea, polo que resulta doado entender que o presente e o futuro deste segmento da frota española depende en grande medida de que se manteña a pegada positiva da mesma malia o interese de determinadas organizacións ou institucións en manter baixo sete chaves a existencia desta frota que, digan o que digan aquelas, está comprometida -afirman- coa protección do medio ambiente e a biodiversidade mariña.
Para os detractores deste tipo de pesca o arrastre é un arte maligno. De aquí a impresión de que o obxectivo está centrado na súa desaparición sen ter en conta a significación da mesma non só en materia socioeconómica, senón tamén na contribución que fai á sustentabilidade. Porque non se trata exclusivamente de salvagardar eses milleiros de empregos, ese case que un milleiro de barcos e un alto aporte á dieta de millóns de cidadáns que teñen nas capturas que eses buques tripulados por persoas comprometidas co mar realizan. É que, en definitiva, alguén pode dar resposta á pregunta de que se vai facer coas especies que se deixan de capturar?.
Na mente de moita xente está fixado o concepto de ameaza á vida dos océanos pola acción da pesca industrial, asumindo que esta cae en prácticas de sobrepesca e sen delimitar o que verdadeiramente é o arrastre de fondo e o que significa a pesca ilegal, o que é remover sedimentos -o que non sempre debe entenderse como destruír o hábitat de organismos que viven sobre o solo mariño- nun traballo que moitos pescadores comparan co do arado na agricultura, coa destrución sistémica de todo canto supón precisamente ese hábitat ou ecosistema que os arrastreiros queren preservar, entre outras cousas polo seu propio interese.
A técnica do arrastre de fondo está prohibida, como é ben sabido, en augas interiores de Galicia (por exemplo). Mediante a mesma poden capturarse en caladoiros nacionais e augas comunitarias especies coma o abadexo, o linguado, a cigala, a solla, a gamba, o lagostino, o bacallau, o burro, o merlán, a pescada, etc. Esa técnica é moi criticada por sectores ecoloxistas, máis non din quen pode pescar esas especies no caso de prohibiren o arrastre (como se pretende facer en boa parte dos océanos de Europa).
É precisamente a UE a que conta con máis arrastreiros matriculados: arredor de 15.000, dos que 11.500 faenan en augas europeas. Italia, cuns 3.200 barcos, é o país europeo con maior frota arrastreira, seguido de Francia e España (con máis ou menos un milleiro de buques de arrastre cada quen).
O porto galego con maior número de arrastreiros matriculados é o de Vigo. Pero non é menos certo que Galicia é a principal porta de entrada dos produtos da pesca procedentes doutros países terceiros. A pesca representa para Galicia aproximadamente o 8% do seu Produto Interior Bruto (PIB), o que evidencia o por que é esta a comunidade europea máis dependente do sector pesqueiro. E o arrastre, polo valor intrínseco das súas capturas, forma parte indispensable desa aportación.
A pesca de arrastre é un dos sistemas máis utilizados no mundo.

