“Pluralidade informativa contra bulos e manobras políticas”

 Antón Luaces

26 Maio 2025
 

Sempre traballei en medios de comunicación, nomeadamente de titularidade pública nacional. Polo carácter dese meu traballo e pola miña idade, fixen  información de todo tipo. Tamén política -poucas veces durante o franquismo dada a imposibilidade de tratar asuntos políticos na radio pública fose esta de carácter local/rexional ou nacional (agás no caso de ter que atender unha petición/orde específica en tal senso procedente da redacción central (Madrid)-. Aínda así, experimentei o que era pasar inicialmente polo despacho oficial do xefe provincial do Movemento (o gobernador civil da provincia) camiño do Tribunal de Orden Público (TOP) e previa denuncia de persoas vinculadas a institucións gobernativas ou militares como consecuencia doutras tantas denuncias presentadas por persoas dese teor en tempos nos que xa se nos permitía facer esa información daquela prohibida na radio, fora esta pública, privada ou da igrexa (que naquel tempo non  estaba claro se a igrexa era unha institución pública ou privada (ás veces mesmo semellaba ser tamén militar).

Esta tarefa informativa acadei levala a cabo grazas aos directores dos medios nos que prestaba os meus servizos e, en ningunha desas tres denuncias, estas prosperaron.  Mais o desgusto familiar (cando non o medo) si quedou prendido, sobre todo en meus pais por contar o cabeza de familia con antecedentes políticos que o conduciran a un campo de concentración en Francia por ter formado parte, con aínda non  18 anos, do denominado “Exército Roxo”.

Preguntarase o lector a que ven isto. Pois ten que ver co feito de que en plena democracia e con leis que protexen tanto a liberdade de información como a de expresión, o consello de informativos de RTVE anuncia a apertura dunha investigación por “falta de pluralidade” nos programas de TVE Mañanero 360, que presenta e dirixe o xornalista Javier Ruíz, e Malas lenguas que outro xornalista, Jesús Cintora, presenta e dirixe na mesma canle de TVE. 

Teño visto ambos os programas e, por máis que busco os motivos polos que se lle pode tachar aos responsables dos mesmos de “falta de pluralidade”, non atopo nada que xustifique a devandita acusación. É máis: para que se pense en tal acusación moito me fai cavilar en que as leis de liberdade de expresión  e prensa teñen tanto valor hoxe en día como o podían ter no franquismo. Coa salvedade de que nos días que eu  vin estes programas o formato deles fose diametralmente oposto aos que ofreceron cando eu tiven a oportunidade de os ver.

Xa me gostaría que a falta de pluralidade que denotan os acusadores, fose a mesma que outros botamos en falta noutros medios de telivisión pública alleos á nacional.