"Non todo vale”.

 

 

 

 Antón Luaces

18 Xullo 2024

Unha cousa é o que dí o Tribunal Supremo en relación coa eólica mariña, e outra moi distinta a realidade que viven aqueles que, como os traballadores do sector pesqueiro, dependen tan diretamente da posibilidade de pescar alí onde asenta a eólica desas características. 

As turbinas ou aeroxeradores eólicos mariños poden ser “un gran perigo nun dos corredores migratorios máis importantes do mundo”, segundo a opinión da organización ecoloxista SEO BirdLife. E cando citamos este corredor, falamos de Galicia, onde a eólica mariña xoga un papel asimesmo contrario aos intereses dos pescadores porque moitas das zonas de importancia para a eólica cadran coas zonas de alto valor ecolóxico  por seren estas Zonas de Especial Proteción para as Aves (ZEPA) nas costas galegas e do Cantábrico occidental, espazo único coñecido como “corredor migratorio galaico-cantábricoccidental”.

Seis novos proxectos van converterse -se alguén non  o soluciona antes- en parques de enerxía eólica mariña na costa galega. Ocuparían áreas dun alto valor ecolóxico e suporían, probablemente, un grave perigo para as aves  que se desprazan por un dos corredores migratorios máis importantes do mundo: a coñecida como “autoestrada do noroeste” pola que centos de milleiros de aves pertencentes ata a 110 tipos distintos de especies cruzan Galicia cada ano, especialmente na época post-nupcial, entre finais do  verán e comezo do outono. O “furabuchos pequeno”, a “palleira rabilonga” ou a “palleira de MacCormick” -especies moi estranas no resto da península- pódense atopar dun xeito regular na zona dese corredor, xunta outras especies.

Dende a significación da biodiversidade, o seu valor é indubidable. A máis, esta zona da costa galega é asimesmo interesante dende o punto de vista enerxético, como o evidencia o feito de que no mar desta nova ZEPA (que une os territorios de Galicia e Asturias) xa foran designadas oito Zonas de Alto Potencial para o Desenvolvemento da Enerxía Eólica Mariña (ZAPER).

É posible a convivencia entre enerxía e natureza, entre enerxía e pesca?…Xunto con especies moi importantes para a pesca de baixura (o que significa traballo e comida), a importancia da zona como lugar de paso e alimentación é dunha importancia esencial para as aves mariñas reprodutoras e migrantes, a máis das aves acuáticas, limícolas e terrestres, que tamén cruzan a zona durante a súa migración, como confirmou Paulo Lago, técnico do Programa Mariño de SEO/BirdLife.

Da importancia dese corredor poden dar testemuño os mariñeiros e habitantes do concello coruñés de Cariño e zona do Ortegal, afeitos a contemplar cada ano o ir e vir deses centos de milleiros de aves na percura do territorio de seu. A colisión das aves coas turbinas eólicas é constatable polas marcas ostensibles que quedan nas turbinas dende tempo instaladas en mares do norte de Europa, cuestión que tamén aquí se produciría.

A todo isto súmase a posible alteración das correntes mariñas e atmosféricas e a afectación da produtividade de planto, aspeto sobre o que alerta un grupo de científicos que, a principios deste ano, asinaron un artigo sobre este aspecto na publicación The Conversation. 

É evidente: non todo vale.