Mentres Lamin Yamal erguía ao vento unha bandeira palestina após gañar a Copa do Rei de fútbol en España, cadrando coa discusión en torno a se hai ou non hai ratos nadadores, Gaza é un foco de enfermidades que, unha outra vez, denuncia a organización mundial “Save the Children”.
En Gaza estanse disparando as infeccións estomacais, a diarrea, a pneumonía e outras enfermidades que afectan especialmente aos nenos pequenos e a quen padecen desnutricionamento. Para eles no hai EPIS. Tampouco hospitais, bombardeados de xeito inmisericorde polo exército israelí os poucos que quedaban en pé no territorio vai dous anos.
As pragas de ratas, ratos e insectos espállanse polos campos de desprazados onde tentan convivir preto dun millón e medio de persoas que viron os seus fogares convertidos en ruínas. Case que 700.000 rapaces entre eles. En máis do 80% destes acampamentos xa se detectan acotío pragas de roedores e ningún exército do mundo vai en axuda dos refuxiados. Os acampamentos tampouco son cruceiros de luxo.
Os sistemas de auga, saneamento e saúde destruídos após máis de dous anos de guerra infernal e ataques indiscriminados, as choivas, a calor e o lixo acumulado están a converter Gaza nun foco de enfermidades.
As familias percuran protexerse como poden, que é ben pouco; máis o bloqueo á axuda humanitaria e bens esenciais impide mesmo o acceso aos pesticidas.
A escaseza de alimentos frescos e auga tampouco axudan á recuperación dos que están enfermando. O plan de “alto o fogo” está fallando porque isto non é paz para os nenos. Trump e Netanyahu están máis preocupados por outras cuestións. Sempre morren baixo as bombas os máis desvalidos. O Ministerio de Defensa de Israel anunciou a compra de dous novos escuadróns de avións de combate F-35 e F-15IA ás compañías estadounidenses Lockheed Martin e Boeing, respectivamente. Co prezo a pagar por esta adquisición, podería alimentarse a toda a poboación gazatí desprazada. Pero non da votos.

