Crónicas ribeirenses: “Un linterneiro, amolador e taxidermista”

Antón Luaces

09 de noviembre de 2026
 
Luaces

Ribeira tiña no Castelo, nun edificio amplio situado fronte á praza do peixe, o obradoiro do único “linterneiro” que existía na contorna aló polos anos 50-60 do século pasado. Nunca souben, e aínda hoxe a descoñezo, a orixe desta denominación para aquel que exercía mañá e tarde un oficio do que moi ben se podía gabar porque era o que en exclusiva o exercía en quilómetros cadrados do territorio do Barbanza ao que, de cando en veces, chegaban os “homes do chifre”: os afiadores ou amoladores que, mantendo en segredo a súa peculiar linguaxe, facían soar o chifre para posteriormente pregoar aos catro ventos o coñecido “afilador, paragüero” ao que os rapaces respostabamos co vello dito “quiero mear y no puedooo”, que case semper arrincaba un sorriso -cando non un soberano cabreo- do interpelado. 

¿Cómo chegaban estes a Ribeira?. Supoño que a pé, tras a roda de afiar que empurraban -imaxino- estrada adiante. Onde durmían, onde ou que xantaban?. Nada sei. Pero a Ribeira chegaban polo menos una vez ao mes. E ao seu chamado co chifre respostaban as amas de casa con paraugas que eles amañaban, afiaban coitelos, amolaban tesoiras, parcheaban ouriñais e palanganas e, cando estaban cansos, visitaban brevemente ao colega linterneiro, co que parolaban dos seus respectivos choios para rematar comentando do labor que o linterneiro desenvolvía no seu obrador, unha especie de patio de Monipodio onde todo tiña sitio (incluída una crónica política e social que a Garda Civil non permitía) especialmente no que atinxía á taxidermia que o linterneiro ejercita maxistralmente. 

Alí compaxinaba o labor de amañar as sellas (ou senllas) de auga, con poñer parches ás tixolas, olas e demais adminículos de poñer ao lume, realizando amaños a calquera cousa de aluminio, ferro, etc.

Linterneiro, amolador e disecador (taxidermista) todo nunha soa persoa, á que levaban para disecar mouchos, gatos, latas, etc. que o mestre exhibía no obradoiro ata que o propietario se facía carga deles previo pago dos sus honorarios. 

Era un hogar recoñecido e demandado por toda a comunidade ribeirense, con mil historias que contar, dignas todas elas de figurar nunha antoloxía.