“Da combinación ao monobiquini pasando polo calzón e a Garda Civil”

CRÓNICAS RIBEIRENSES

Antón Luaces

24 Agosto 2026

Nos anos 50 do século pasado eran poucas as mulleres que se bañaban nas fermosas praias de Ribeira. O traxe de baño feminino non era naquel tempo unha prenda abundante nos areais da cidade, nomeadamente o de Coroso, sempre o recurso máis cotián aínda que non o que estaba máis á man, mentres que os nenos, mozos e algúns homes -poucos- gozaban das praias do Alemán, As Carolinas, Colomer, Pedra Pateira, Fontán, O Touro, Area de Secada, Ameixida, Castiñeiras, etc. nen moito menos tan concorridas como o están hoxe en día grazas á posesión de vehículos de todo tipo para o desprazamento.

Os bañadores femininos (utilizados maioritariamente polas xoves) cubrían o corpo destas desde os ombreiros ata media coxa. Non se empregaba o biquini -que comezou a verse entre os anos 60/70- e o monobiquini non apareceu nalgunhas das citadas praias ata finais do pasado século. Ata entón, o “bañador” máis empregado polas mulleres era a combinación (o biso) que decote a muller empregaba como prenda sobreposta á roupa interior (que na praia, ao se introduciren no mar -polo tanto, mollándose- convertíase nunha segunda pel). 

Para os homes e nenos non había os mesmo requirimentos: arranxábase a cuestión cun simple calzón (calzoncillo).

En calquera caso a vixilancia da Garda Civil mantìña o estipulado pola comuñón Igrexa-Estado, do mesmo xeito que se facía nos cines coas películas autorizadas ou nos cinematógrafos daquela existentes e que non eran outros ca os de Moraña e O Filipino. 

As praias máis socorridas para o uso do biso coma bañador polas mulleres eran as de Fontán (especialmente a carón da pedra do “Panecillo”) e Area de Secada, ambas as dúas moi a cuberto de calquera ollada “indiscreta”.