“Unha coroa de flores para un Atlántico con mortos e sen lápidas”

Antón Luaces

 
 
12 Xuño 2026
 

León XIV, o papa de Roma, remata hoxe a súa estadía española na illa de Tenerife, após vivir en Gran Canaria a dor que corroe o corazón de milleiros de migrantes que levaron a súa negritude a unha terra seca de tanto migrar a suramérica.

Arguineguín como porto de entrada e vía de saída para un papa, mi niño, que sentiu o timple majorero na oración aos mortos atlánticos, aqueles que xunto aos do Mediterráneo carecen de lápida identificativa. Santana dixo adeus cos seus silbos a un Roque ergueito na terra queimada dos volcáns que rezuman cinsa de vida na terra do silencio. 

León XIV trouxo e leva emocións, bendiciu nenos e escoitou verdades coma pans de peso nas que os protagonistas expresaron a dor dos obrigados a migrar: as violacións das mulleres, o abuso de nenos en centros escolares relixiosos, os cativos que perderon o norte no sur e o sonsonete de “estas son as xuventudes do papa” cando unha parte deles ollan sen ver aos que dan malleiras a aqueles que carecen da condición de seren da “prioridade nacional” que pregoan os pactos PP-VOX coa águia nas bandeiras ao vento e un brazo tendido cara ao sol coa camisa nova.

É moito o dito polo papa, a carón de silencios ominosos. Non tiñamos consciencia do que pode ser ou significar para un estadounidense ser a cabeza visible da igrexa católica mundial nun tempo no que Trump bombardea Irán para lle dicir ao mundo que en cuestión de horas asinará un acordo de paz polo que o estreito de Ormuz voltará á normalidade anterior á guerra coa que Trump comezou o seu “reinado”. Que a tolemia do mundo pervive malia as oracións sentidas que prenderon nas palmeiras e palmas, na inmensidade das rochas de Montserrat, a estrana beleza da Moreneta e a Almudena madrileña. E que outra vez será, Eminencia. Talvez nun Ano Santo que veña a Santiago de Galicia para saber ds “nosa” migración. Polos séculos dos séculos, amén.