Elxe foi o lugar de nacemento, no ano 2000, dun autotitulado xornalista que moitos teñen por verdadeiro paduán que, como calquera español, tivo a súa propia oportunidade política ao lombo da formación ultradereitista “Se acabó la fiesta”: os votos colleitados non foron abondo, malia o recoñecemento que á súa condición política deu o actual presidente arxentino Javier Milei.
O labor fundamental deste influencer ou axitador chegou ao culmen esta semana cando, nun local público, abordou á dona do presidente do Goberno español, Begoña Gómez, quen ao parecer se atopaba na cafetaría acompañada dunhas amigas. Por este feito, Vito Quiles foi denunciado por Begoña Gómez, que o acusa de agresión após un altercado. Este incidente ten outras frontes xudiciais abertas por, informa RTVE, revelación de segredos ou inxurias.
Esta non sería a primeira denuncia que Vito Quiles recibe: o pasado mes comparecieu coma querelado ante un xulgado de Madrid por un presunto delicto de revelación de segredos ao publicar en redes sociais o domicilio da presidenta de Red Eléctrica e exministra, Beatriz Corredor.
Foi procesado asimesmo por presuntas inxurias e calumnias ao secretario xeral de consumidores Facua, Rubén Sánchez.
Con todos estes precedentes -aos que se suma a petición dos xornalistas parlamentarios españois de que se lle retire a autorización que lle permite o acceso ao hemiciclo- Vito Quiles é o prixel de moitas das “salsas” políticas de partidos como PP, VOX e SALF, e de “saraos” programados para que, dun xeito especialmente dirixido, sexan o PSOE e o presidente actual do Goberno os máis prexudicados pola intervención do axitador de ultradereita.
Non se pode entender que, ata o de agora, ningunha autoridade impedira que actuacións deste calibre se produzan con tan absoluta impunidade. É como se o interesado, o propio Quiles, soubese que ningunha represalia lle pode afectar máis aló do que pode significar o malestar de aqueles aos que incordia. Ten máis sorte da que outros, por moitísimo menos (eran, efectivamente outros tempos) foron ao TOP sen xustificación válida. A ultradereita estaba na casa e tiña moi activo o ollo contra aqueles que non comungaran co franquismo.

