“Os españois primeiro, un fundamento político que descoloca aos emigrantes galegos”

 

 

 

 Antón Luaces

27 Abril 2026

Se existe en España unha comunidade autónoma que, obrigadamente, revisa o seu ser ou non ser migrante diante de formulacións coma o lema político de prioridade nacional, tal comunidade é a galega, que padeceu a discriminación e levou ás súas mulleres, homes e cativos a sufrir as consecuencias de traballar nos postos máis baixos -aqueles que os naturais do país rexeitaban- e aceptar salarios e horarios que as empresas nen sequera se atrevían a propoñer aos seus traballadores. Migrantes, os galegos, que en Francia -por exemplo- compartían barracóns con outros procedentes de África cos que, pola fala, era imposible entenderse e que na actualidade son pais e avós de franceses que se viron involucrados nunha guerra que, por sorte, os galegos da migración non tiveron que librar. 

Son estas as cousas das que tanto o PP coma Vox ou os cataláns da última fornada da extrema dereita, non queren falar. Só lles importa a prioridade nacional que propón darlle preferencia aos cidadáns españois no acceso a axudas sociais, emprego e recursos públicos. 

Prioridade nacional e arraigo son os obxectivos de PP e Vox no contexto político a miúdo contraposto por partidos de esquerda que defenden a inclusión universal, en contra das leis, da igrexa e mesmo da condición humana. 

Din que chaman ás cousas polo seu nome e calan o nome das mesmas: nunca xamais din nen recoñecen que é unha frase empregada frecuentemente na actualidade para mobilizar o voto cara a políticas de restrición de dereitos sociais para migrantes. Para eles non son medidas racistas nen egoístas, senón de “sentido común e realismo”. Xusto o que os seus antergos demandaban en Londres, Paris, Verna, Bruxelas e agora demandan nos campos de Andalucía.

Prioridade para os de aquí no acceso á vivenda protexida, o vencellamento das axudas ao arraigo para garantir que ninguén de fóra estea por diante de ningún español, cando as leis proclaman a igualdade entre todos os españois. Todos iguais, todos con DNI español contribuíndo na medida que corresponde aos gastos absolutos que todos e cada un debemos asumir para o ben común.