“Após os estragos do lume, agora queda restaurar o monte”

 Antón Luaces

02 Setembro 2025
 

A paisaxe galega, após a intensa queima dos montes, quedou desbastada. Compre unha actuación específica de rexeneración ou abonda con permitir que a natureza poña en marcha os seus mecanismos propios para que o ecosistema se recupere de xeito natural?. 

Expertos en xestión ambiental coidan que, unha vez producido o lume e os seus efectos, as primeiras decisións son determjnantes para o futuro do monte. E sería esta a lección a aplicar nos montes galegos cando, tras a queima da roza, os labregos de Galicia optaban pola recuperación natural do monte?.

Disque as primeiras decisións após as lapas son determinantes para o futuro do monte.

Nos primeiros meses posteriores ao incendio, a terra queimada ven ser a parte máis vulnerábel dada a súa exposición á erosión pola perda de vexetación, especialmente coas choivas intensas.

Por este motivo, unha das recomendacións máis repetidas é evitar a entrada na zona queimada de maquinaria pesada  e non retirar de inmediato a madeira queimada, xa que logo esta pode servir de protección contra a perda de nutrientes e actuar coma barreira fronte ao arrastre de terras.

Para os especialistas, non sempre a reforestación artificial é a mellor opción. Moitos bosques contan con especies adaptadas ao lume que son quen de abrollar de novo ou xermolar após o paso das lapas. Aciñeiras, sobreiras ou pinos insines , entre outros, dispoñen de estratexias naturais de recuperación, Nestes casos, recomendan deixar que o proceso de rexeneración natural avance durante alomenos dous ou tres anos antes de intervjr con plantacións.

A biodiversidade é outro aspecto clave. A eliminación de todos os restos queimados -cousa que antes era moi empregada- pode empobrecer o ecosistema e frear a súa capacidade de recuperación. Manter parte da madeira queimada no terreo axuda a conservar hábitats para insectos e pequenos animais, favorecendo deste xeito a restauración da cadea trófica, o que pode reactivar a fertilidade do chan.

Manuais técnicos coma o “Campo Galego” propoñen actuacións escalonadas: estabilizar o solo, controlar especies invasoras e fomentar a diversidade xenética nas repoboacións. Aconséllase empregar especies autóctonas, seleccionadas en base ás condicións climáticas e edáficas de cada zona, evitando plantacións masivas dunha soa especie que podan xerar vulnerabilidade futura.

A restauración após un incendio é, en definitiva, un proceso complexo que require planificación a longo prazo. O obxectivo non é só recuperar a masa forestal perdida, senón garantir un ecosistema máis resistente ante futuros incendios.