Non son os actuais tempos de abrirmos gratuitamente a boca, máis o certo é que hoxe en día son cada vez máis as bocas que se abren para non diciren nada coherente ou para non permitiren ao contrario ir máis aló dunha exposición máis ou menos ben formada sobre tal ou cal asunto, sen poder afondar abondo sobre o que se pretende opinar. Todo superficial, como non querendo sentar cátedra, cando o que se pretende realmente é facer que prevaleza o que un opina.
E malia todo, resulta cada vez maior o número de persoas que brincan dun a outro concepto sen reparar no que realmente se dí ou en se o que se fala terma efectivamente do que o dito significa.
O falar non ten cancelas?.
Disque non.
Ou sí?.
Estes días todos falamos, todos opinamos en materia política. E a falta, en ocasións, de argumentos que reforcen as nosas teorías, optamos por botar man daqueles outros que semellan reafirmar a formulación propia, como se o dito por nós non servira de base a calquera outra exposición.
Que é o que nos impide, verdadeiramente, dar forma ao noso pensamento?. Aínda conservamos o medo a expresar con liberdade o que libremente pensamos?…
Tan castrados nos deixou o franquismo, tan pouco valoramos o aprendido nos últimos 50 anos?…

