A onde pode chegar a denuncia presentada por unha coñecida presentadora de televisión de ter sido agredida sexualmente polo ex-conselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, ninguén o sabe. Pero nos círculos políticos e, obviamente, nos medios de comunicación, ninguén evade a ocasión de opinar ao respecto.
O caso é que seis meses despois de que a presunta vítima presentara denuncia, Alfonso Villares, ex-conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, cesou no seu cargo a petición propia e asegurando ser “absolutamente inocente” e coa pretensión de se defender “no ámbito xudicial”.
Imputado vai seis meses por un delito de agresión sexual o certo é que o presidente da Xunta valorou a renuncia de Villares “como un xesto que lle honra” e coa esperanza de, nun futuro, poder contar con el para outros labores políticos canda el. Porque Villares é, sen dúbida, un dos homes de confianza do presidente da Xunta e a quen o pasado xoves adicou unha aperta que amosaba a existencia desa amizade e recoñecemento, cousa esta última que non se tivo en conta para coa denunciante. Porque para Villares houbo, dixo o presidente da Xunta, “un agradecemento ao seu labor”. Para a denunciante, nin unha referencia. Nada novo nestes casos. “Díxeno e mantéñoo: foi un bo conselleiro. Todo o demais non ten que ver co seu labor político e terá que determinalo a xustiza” (Alfonso Rueda). O mesmo compriría dicir de quen presentou a denuncia, por máis que nin se citara neste caso.
Villares presentou tamén a súa baixa temporal no PP de Galicia.
Tendo en conta o que consta na denuncia e que relatan os medios de comunicación, os feitos denunciados producíronse o 27 do pasado mes de decembro en Ferrol. O tempo transcorrido fai pensar en que o coñecemento da denuncia non é de agora, e menos se como se di, Alfonso Villares prestou declaración, pero en ningún momento foi detido.

