“Galicia amplía a súa capacidade de autogoberno na zona litoral”

 

Antón Luaces

07 Abril 2025

A piques de se cumprir 17 anos da formalización da última transferencia do Estado á comunidade autónoma de Galicia (a da homologación e convalidación de títulos e estudos estranxeiros en ensino non universitario) realizada durante o goberno bipartido PS de G-BNG, mañá, mércores, vai ter lugar en Santiago a sinatura do acordo polo que a comunidade galega ampliará o seu autogoberno coa xestión do litoral, en condicións semellantes ás outorgadas a Euskadi.

Será esta, como diciamos, a primeira competencia que o Goberno central  cede á Xunta desde xullo de 2008, cesión que asinarán o ministro de Política Territorial e Administración Pública, Ángel Víctor Torres, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Deste xeito, Galicia vai sumarse a Catalunya, Andalucía, Canarias e Baleares na xestión das súas costas, persoal e medios necesarios.

Galicia, con 1.498 quilómetros de costa é, xunto con Canarias, a comunidade autónoma con máis litoral. A transferencia permitirá á Xunta regular os usos e actividades no litoral e outorgará a esta o uso de ferramentas clave como as concesións no dominio marítimo-terrestre.

O acordo establece un fito  no proceso de descentralización de competencias, acadado após dunha longa negociación e pode abrir un proceso de próximas transferencias.