Na mencida deste venres, 14 de febreiro, á unha aproximadamente, a canle 2 de TVE emitía unha ampla e magnífica reportaxe, realizada por traballadores da citada televisión pública, sobre o traballo que na Antártida levan a cabo investigadores españois -civís e militares- nun seguemento constante da evolución daquel continente no que conflúen estudosos de distintos -entre eles España, Rusia, USA, Chile, Arxentina, China, Reino Unido, etc.- que, no medio de tormentas constantes de vento e frío, non só levan a cabo os seus propios programas de traballo, senón que colaboran estreitamente para, a non moita distancia entre os poboados que os acubillan -construidos polos respectivos países- emitir informes que explican a evolución da vida (nomeadamente a animal) nunhas condicións climáticas en ocasións case que imposibles de aportar polos humanos.
Entre os españois aló desprazados, varios biólogos e investigadores, así como militares e tripulantes galegos do buque de investigación oceanográfica do CSIC “Hespérides”, cuxas roupas -perfectamente adaptadas ás circunstancias daquelas nevadas terras- trouxeron á miña memoria relembranzas dos mariñeiros de Galicia que cantas veces deixaron as súas vidas en caladoiros de pesca (moitos deles bautismados con nomes da nosa terra) que reclamaban a berros traxes de supervivencia compatibles co traballo a bordo e medios de salvamento aos que recorrer en caso de naufraxio. Medios polos que claman, coma no deserto, os mariñeiros e que as empresas pesqueiras non adoptan diante dese mirar sen ver das autoridades nacionais e autonómicas.
Unhas horas antes da emisión en TVE desa interesantísima produción de referencia, a Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros (AETINAPE) emitía un comunicado no que, unha outra vez, demandaba a aplicación de medidas preventivas e de seguranza dos tripulantes dos buques pesqueiros españois que faenan en caladoiros de alto risco, por mor das duras condicións climatolóxicas e a frialdade das augas que fan necesarios equipamentos de tecnoloxía punta, botes de rescate insubmerxibles moito máis eficaces que as balsas salvavidas actuais, etc.
Lembran tamén os titulados náutico-pesqueiros a obriga do recurso de navegar á capa ou dirixirse a porto no caso de se rexistrar no mar condicións metorolóxicas adversas, aplicando deste xeito normativas que xa son de aplicación en distintos países europeos e que, mesmo en España, eran de obrigado cumprimento vai 50 anos.
Ao mesmo tempo, AETINAPE láiase de que as autoridades de España non vaian máis alò do feito após a traxedia do pesqueiro de Marín “Villa de Pitanxo”, afundido vai tres anos en augas de Terranova, accidente no que morreron 21 dos seus 24 tripulantes.
Esixe AETINAPE consenso entre o sector e a administración pesqueira para que se combinen as condicións de competitividade coa imprescindible mellora na seguridade das tripulacións. Condicións estas que, por outra banda, tamén poderían incidir positivamente na remhds xeracional que a patronal do sector dí rexistrar.

