Houbo un tempo -anos 50/60 do pasado século- no que a frota pesqueira galega (case toda ela de baixura) pescaba trancho, xurelo, xarda, bocarte e sardiña, entre outras especies. Daquela ninguén falaba dos “beneficios” das fábricas de fariña de peixe e este acadaba o prezo que se lle adxudicaba na subhasta cando os “lotes” se “cantaban” nas lonxas a viva voz. As fábricas de fariña de peixe non existían, motivo polo que todo o que se pescaba era vendido ao consumidor ou, no seu caso, ás fábricas de conserva ou salazón. E había peixe para todos, máis ou menos, coas oscilacións propias de cada unha das especies.
A instalación en distintos portos galegos das fábricas de fariña de peixe -por poñer dous exemplos, en Ribeira e Cariño entre outros- permitiu que aquel peixe que non acadaba na poxa o prezo estimado polo armador do barco que o capturara, fose vendido a un ínfimo prezo para o converter en penso. Deste xeito, as perdas económicas semellaban ser inferiores se ben eran repartidas entre a casa armadora, os mandos dos barcos -patróns, motoristas e contramestres- e mariñeiros nas proporcións estipuladas, ao igual ca os beneficios cando estes se producían.
Por tal circunstancia e outras sobrevidas, foron desaparecendo especies (o trancho, por exemplo) mentres outras diminuían a ollos vista: a sardiña, o bocarte, a xarda e, sen moita diferenza no tempo, o xurelo e unha especie que entrara posteriormente en escea: o lirio ou bacaladilla.
Debido á crenza de que este feito da redución nas capturas viña provocado pola vellez dos barcos, moitos foron os armadores que ordenaron a construción de novas unidades de pesca. Outros optaron polos mercados de segunda man e mercaron en Asturias e, sobre todo, en Euskadi, os barcos dos que asturianos e vascos se desfacían por problemas de caladoiros ou cambios de modalidade.
Galicia probablemente sobredimensionou a súa frota. Cadrou esta situación coa aplicación de normativas comunitarias consecuencia da entrada en 1986 de España na CEE (hoxe UE) e Galicia -que tamén comprara barcos en Reino Unido, Francia ou Alemaña- volveu vender parte da súa frota. Ao mesmo tempo foron modificadas embarcacións ás que se multiplicou a potencia mesmo para traballar á parella para poderen guindar de aparellos co dobre de lonxitude e o triplo de altura.
Nin as autoridades galegas nin as nacionais fixeron nada para evitar o dano que se estaba a causar á pesca e, xa que logo, á economía pesqueira. As vedas comunitarias non contribuiron a beneficiar ao sector, como tampouco o fixeron as medidas de permisividade para a entrada en territorio comunitario de peixe procedente de terceiros países.
Por todo isto e outras cuestións que iremos analizando en vindeiras datas, Galicia foi perdendo o seu liderado en Europa. E con este, a súa capacidade de incidir na política pesqueira da Unión Europea.
De quen é a culpa?.
Alguén a ten: Galicia perdeu unha altísima porcentaxe da súa capacidade pesqueira, capacidade que xa non poderá, posiblemente, recuperar.
O sector culpa desta situación á UE, sen recoñecer a responsabilidade que, indubidablemente, tamén lle corresponde. Pero o certo é que a pesca vai a menos.

