El Pósito de Aguiño cumple 100 años

 

 

 

Este sábado cumprironse 100 anos do “Pósito de Carreira”, xérmolo da  “Confraría de Carreira e Aguiño”

19 Outubro 2024

Xosé María Fernández Pazos. Historiador e xornalista, Cronista Oficial de Ribeira

 
 
Primeira acta da Cofradía de Carreira, 19 outubro 1924

Este sábado 19 de outubro cumprironse cen anos da constitución en 1924  do “Pósito de Carreira”, xermolo da “Confraría de Carreira e Aguiño”, constituída o 12 de novembro de 1944, baixo a advocación de San Paio.

Tal como recollen nas súas magníficas obras , Francisco Javier Crujeiras Sampedro, na “ Historia de Carreira”  e Unai González Suárez en “Aguiño 50 anos de Parroquia”, a sociedade tiña como fins creativos os de espallar a cultura popular da terra e a necesidade de defendela, xa que a carencia de escolas facía que o grao de analfabetismo fora moi elevado.

O “Pósito” propoñíase elevar o nivel de vida dos veciños e principalmente da xente do mar ase como facer funcións de mutualismo, cooperación e difusión da cultura e melloralos resultados económicos suprimindo intermediarios entre os mariñeiros e a industria.

Naquela primeira xuntanza constitucional á que asistiron 22 veciños, decidiuse elixir como presidente a  don Andrés de Dios Álvarez, o vicepresidente don Andrés Pérez Campos e secretario don Manuel Paz Lampón, e a súa primeira sede situouse no lugar de Campos de Arriba concretamente no número 17. A medida que avanzaron os anos en 1940 e xa coa construción da Casa do Pescador a sede trasládase a Aguiño no porto pesqueiro. 

Desde os seus inicios o “Pósito” quixo facer dous centros culturais, un en Carreira e outro en Aguiño, centros  que serían inaugurados en 1928 e posteriormente asumidos polo Estado para pasar o sistema de ensino público.

Dous mestres  impartían as clases escolares e formación de artes de pesca, economía social, recursos mariños, etc. Tamén había clases nocturnas ás que asistían fillos dos non socios que non pagaban polas clases. A raíz da creación da sociedade púxose en marcha unha “Cooperativa de Consumo” que facilitaba  materiais e produtos xerais ós mariñeiros.  

Ós tres anos da súa fundación o “Pósito de Carreira” conseguiu  contar cun médico para cubrilas necesidades sanitarias da poboación e en 1927 creouse o chamado “Pósito Infantil” comenzando a construción do peirao de Aguiño para o que a entidade aportaría un 21 por cento dos orzamentos.

A intensa actividade da Sociedade continuaría coa creación da “Escola Elemental  de Pesca” que impartiría as clases para obter a titulación de patrón.  Xa en 1941 o 26 de xaneiro,  empeza a construción da lonxa que daría paso nos anos 90 á “Casa do Pescador”  que contaría con escola e habitáculo para os mestres. En 1968 construíuse o actual edificio modernista da Confraría na que estivo tamén o Centro de Saúde e que conta cunha pequena aula de cultura.

O 11 de marzo de 1943 cumpríndo a orde do Ministerio de Traballo e coa asistencia do delegado sindical e do axudante miltar de Ribeira o “Pósito de Pescadores de Carreira”  transfórmase na “Cofradía de Pescadores San Paio de Carreira”, será o 12 de novembro de 1944.

 A creación da Parroquia de Aguiño en 1959 e o crecemento do pobo fixo que o 7 xaneiro de 1961, en asemblea de socios, a entidade decidise cambialo nome e pasar a chamarse  “Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño”, tal como recolle a acta número 219 no punto quinta, nunha directiva presidida polo Patrón Maior, Manuel Sampedro Dios. 

 
José Antonio Sampedro, Actual Patrón Maior da “Cofradía de Carreira e Aguiño”

Unha puxante entidade dirixida actualmente por José Antonio Sampedro, que leva dez anos o fronte da sociedade e que, tal como declarou a “O Barbanza” na entrevissta publicada no noso anterior número, busca  a medio e curto prazo arranxalas ramplas, que se materialice a dársena xa proxectada,  o arranxo do galpón de redeiras, que se lles dote dunha lancha de vixilancia adaptada á costa, o arranxo das oficinas e crear un pequeno museo no que amosar as artes de pesca.