Xa está decidido: suspéndese temporalmente o marisqueo na ría de Muros-Noia, e tres mil mariscadores de Noia e a súa contorna vense na obriga de gardar raños, sachos e rastros por tempo indefinido catro días dempois de reanudada a campaña e debido á presencia de plaguicidas, resíduos industriais procedentes da incineración ou da fabricación de compoñentes de transformadores eléctricos, que inciden na localización na Ría da Estrela desas ficotoxinas que, en marzo de 2019, xa provocaran o peche de polígonos bateeiros na ría de Vigo.
Culpa da auga arrastrada nas escorrentías da choiva rexistrada estes días, dos vertidos, d a temperatura do mar?…
O certo é que a Consellería do Mar tenta pór couto a un problema que, con anterioridade, non se soubo prever ou non se poido abordar: as toxinas lipofílicas están presentes na ría e, entre estas substancias introducidas no medio ambiente en forma de compostos funcionais como os plaguicidas ou en forma de resíduos industriais procedentes da incineración ou da fabricación de compoñentes de transformadores eléctricos xa citados, atópanse elementos cualificados de canceríxenos e que afectan ao sistema endocrino (función hepàtica).
Distintas referencias (máis dun cento) a estas toxinas lipofílicas falan da obtención de probas da súa ampla distribución na biosfera que entran nos seres humanos a través de cadea alimentaria. Boa parte delas van parar ao tecido adiposo para seren escretadas na bilis e no intestino.
Notificada esta incidencia á confraría de pescadores de Noia polo Intecmar, os mariscadores quedan novamente man sobre man agardando a que os moluscos infaunales recuperen desas altas concentracións de biotoxina lipofílica e que permitan reanudar a interrompida campaña marisqueira iniciada o pasado día 14 de outubro.
Esta decisión non sorprende. É máis: agardábase polos propios mariscadores como consecuencia da detección na costa de concentracións desa biotoxina.
Os resultados de novas análises favorables indicarán o retorno ao labor. Máis non se albisca cando vai ser ese día.
O certo é que, por unha ou outra causa, o marisqueo na ría de Muros-Noia non acada a normalidade nen por recomendación. E no mar, que se saiba, non se poden prantar allos contra as meigas.

