“Reunida a ponencia de alertas para decidir medidas contra a varíola símica”.

 

 

 

 Antón Luaces

21 Agosto 2024

A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou a semana pasada a emerxencia internacional por mpox ante o incremento de casos de varíola símica no continente africano e fóra das súas fronteiras.

En Galicia, segundo datos da Consellería de Sanidade o número de contaxios por mpox permanece este ano na cifra de seis persoas. 

España é o país europeo con máis casos, cun total de 8.104 positivos dende o ano 2022, dos que 264 corresponden a este 2024. 

Na reuniòn deste martes, 20 de agostos no Ministerio de Sanidade da Ponencia de Alertas, os representantes de todas as comunidades autónomas decidiron que medidas empregar para o control e prevención da situación sanitaria do país. 

Os representantes de Galicia trasladaron a necesidade de intensificar a información sobre esta enfermidade nos lugares que reciben viaxeiros das zonas afectadas por a citada variante, co obxectivo de que no caso da aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saiban que facer e onde acudir. Saúde Pública de Galicia solicitou información sobre as doses de vacinas contra a varíola das que dispón o Ministerio de Sanidade e como adquirilas dun xeito inmediato.

España dispón actualmente de 500.000 vacinas para a varíola. Cada vial pode administrar ata cinco doses por vía intraepidérmica, o que fai que a cifra de vacinas chegue a dous millóns de doses. Polo de agora, segundo a decisión tomada, non é preciso vacinar a toda a poboación nin realizar controis fronteirizos, se ben se recomenda ás persoas que teñan previsto viaxar a algún dos países afectados polo gromo, acudan aos centros de vacinación internacional para valorar posible indicación de vacina. Galicia formulou a posibilidade de tomar medidas precautorias nos aeroportos e medios públicos de transporte.

O contacto íntimo -transmisión sexual- ou o contacto directo coa pel infectada das lesións son as maneiras máis doadas de que o virus penetre no noso organismo.

A varíola humana erradicouse no planeta vai máis de 40 anos.

“A detección rápida dun Novo Clado (variante) da mpox no leste da República Democrática do Congo, a súa detección en países veciños que non reportaran con anterioridade e o potencial dunha maior propagación dentro de África e máis aló, é preocupante”, segundo declarou o director xeral da organización, Tedros Ghebreyesus.

Após rexistrar 15.000 casos e ata 461 falecementos a causa da enfermidade no que vai deste ano, as autoridades africanas declararon a emerxencia de Saúde Pública. A rápida expansión deste problema cara paìses como Paquistán ou Suecia dunha variante ata o de agora só presente no Congo, foi o que fixo saltar as alarmas e, de feito, os organismos europeos para o control e a prevención de enfermidades infecciosas agardan unha suba de pacientes infectados no continente. Aínda así, subliñan, a posibilidade de transmisión do virus en Europa é moi baixa “sempre e cando os casos importados sexan diagnosticados rapidamente e se implementen as medidas de control pertinentes”. 

A varíola símica é unha enfermidade infecciosa causada polo virus mpox pertencente á familia da varíola humana “poxvoridae” e detectada por primeira vez nun laboratorio danés na década dos anos 60. 

Segundo informa gCiencia, órgano da Universidade de Vigo, o virus ten unha presencia endémica en África e a sintomatoloxía da enfermidade é máis similar á varíola: febre, dor muscular, malestar xeral, calafríos e erupcións que causan feridas na pel. Ademáis, o mpox inclúe inchazón dos ganglios linfáticos.

Segundo declaracións a Science Media Center de España de Jacob Lorenzo-Morales, director do Instituto Universitario de Enfermidades Tropicais e Saúde Pública de Canarias, as medidas propostas polo Goberno Central son as adecuadas para o noso território: dispoñemos dun sistema de saúde sólido e capacidade para diagnosticar e tratar pacientes. É certo que en África non está a acontecer o mesmo, xa que non teñen os medios axeitados nin vacinas dabondo. Non estaría mal que a UE ollara fóra das súas fronteiras e apoie ao continente africano.