A xente do mar protesta polo dano que se derivará para a ría de Arousa e a pesca e o marisqueo que esta acubilla, derivado dos vertidos que a esta ría vai facer a pasteira que se pretende instalar en Palas de Rei; os agricultores (labregos é máis noso) e gandeiros amosan o seu rexeitamento ao dano que esa industria de capital portugués -que os lusos non queren- causará ao río Ulla e ás terras da contorna, e ducias de organizacións medioambientalistas opóñense duramente á creación dunha industria que Galicia non precisa e que os galegos non queren polos efectos negativos que para boa parte da comunidade autónoma vai ter, segundo todas as previsións (agás as da Xunta e o partido político que apoia a esta).
O certo é que a experiencia dos galegos -especialmente a dos pontevedreses- en relación coas pasteiras (ENCE, nomeadamente) non deixa dúbidas na relación causa-efecto. De aquí que non resulte estrano que, dende o sindicalismo galego se signifique que “amplísimos sectores non aliñados da sociedade galega teñen firme conciencia sobre o verdadeiro significado que tería a instalación de Altri en Palas de Rei”· Engade a CUT (Central Unitaria de Traballadores) que “non se pode entender o
aldraxe do proxecto de Altri como a simple perversidade dunha empresa depredadora” porque o soporte do proxecto “só é entendible no contexto dunha política capitalista colonial deseñada nun tempo e nun lugar, como no seu día foi a instalación de Celulosa-Elnosa na Ría de Pontevedra”. Redondea CUT a súa formulación aducindo que “a razón de Altri enmárcase en toda intencionalidade sistémica, con independencia da cor política circunstancial ou protagónica”.
O sindicato bota man á memoria do carácter colonialista dos anos 60 e 70 para vincular o proxecto de Palas de Rei ao “sometemento político e económico dos territorios da periferia das metrópoles”. E coma de esgallo, olla á concesion pola Xunta á empresa Atalaia Mining “a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) para a posta en actividade da Mina de Touro-O Pino” declaración que a CUT entende coma unha “afronta aos pobos afectados que levan anos e anos reclamándolle á Xunta e á empresa o cumprimento da lexislación aplicable en materia de contaminación”.
Pola súa banda, a Asociación Ecoloxista ADEGA recolle o informe de RadioCema segundo o que o proxecto de Altri en Palas “provocará danos irreversibles sobre flora única no mundo”. Trátase de catro especies endémicas estritas, tres delas en perigo de extinción e outra vulnerable, así como varios hábitats de interese prioritario para a UE.
Mañá, domingo, 30 de xuño, numerosas organizacións cívicas, culturais e ecoloxistas, convocan unha mobilización para “arrodear a Xunta” ao berro de “Altri non”, ás doce da mediodía.

