“O mar e a pesca, de celebración mundial”

 

 

 

 

Antón Luaces

04 Xuño 2024

Dous días desta semana  poñen en letras de ouro outras tantas celebracións mundiais: Este mércores, cinco de xuño, o Día Internacional contra a Pesca Ilegal, e o sábado, oito, Día Mundial dos Océanos. En ambos os casos, días de reivindicación, de esixencia, de palmaria necesidade de conciencia sobre o que a pesca ilegal significa e o que os océanos son para a Humanidade.

A pesca ilegal é unha amenaza fundada que, por máis que constatada a súa tristísima realidade, non deixa de producirse. É un problema que, como dí Natividad Sánchez, de Oceana, afecta ao océano en todo o mundo  “e que custa á economía global decenas de miles de millóns de euros cada ano”.

Por se fose pouco, supón asimesmo unha evidente amenaza para os ecosistemas mariños e os medios de vida dos pescadores e comunidades costeiras que cumpren coa lei.

A pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR) está vinculada moitas veces a outros delictos transnacionais como a evasión de impostos, o lavado de diñeiro, o contrabando e as violacións dos dereitos humanos, todos eles ben coñecidos -directa ou indirectamente- polos profesionais da pesca galegos, comunidade esta na que non só os mariñeiros se viron ensarillados no asunto, senón tamén os armadores ou propietarios de coñecidos barcos con bandeiras de distintos países, algún deles perseguido durante moitos días de navegación dende Australia a Suráfrica.

Oceana Europa reclama,  por este motivo, que os Estados membros da UE esixan aos seus nacionais rexistrar a propiedade e xestión dos  barcos de pesca estranxeiros para evitar que os cidadáns comunitarios poidan  beneficiarse das actividades de pesca ilegal e que estes beneficios retornen á UE.

Contémplanse asimesmo medidas como demandar máis trazabilidade e tansparencia nos produtos do mar que consumimos, particularmente aqueles xa procesados como as sardiñas ou as latas de atún.

Información crucial como a especie, orixe, arte de pesca e método de produción xa non é requerida pola Unión Europea, polo que restaurantes, hoteis e grandes proveedores de catering, tamén están exentos de proporcionar esta información básica.

En vésperas de elixir un novo Parlamento Europeo, a organización medioambientalista Oceana van de facer un chamado a unha visión política a longo prazo que garanta a restauración das pesqueiras e a proteción dos hàbitats mariños. Un océano  saudable é parte da solución para abordar moitos desafíos que afectan á sociedade, incluída a seguridade alimentaria, o emprego e a resiliencia ao cambio climático.