Dende vai algúns anos percorre os portos galegos o que sempre entendín coma un falar por non estar calados, ou porque non hai outra cousa que dicir sobre o futuro (desta vez inmediato, disque) da pesca galega. Unha outra versión do clásico popular “predícame, frade, que por un ouvido me entra, e polo outro me sae”.
Pero é máis serio ca todo o dito: son moitas as voces que, a día de hoxe, convidan aos armadores de cerqueiros e arrastreiros de litoral a vendelos dadas as escasas ou nulas expectativas de futuro para este tipo de frota.
“Poñédelle prezo aos barcos” é a frase que máis se pronuncia nos encontros ou xuntanzas de armadores que, máis ou menos circunstancialmente, se producen nas últimas semanas, incluso meses, na comunidade autónoma galega.
Dicíamo a media mañá deste xoves, un coñecido armador da Costa da Morte, propietario ata hai ben pouco tempo de catro barcos e actualmente con só dous deles na empresa pesqueira por el posta en pé vai 40 anos.
Son moitas as queixas que se escoitan no sector pesqueiro a este respecto. E ninguén se explica o por que desta situación na que o pescador é sempre quen máis perde. Porque, argumentaba o armador, “resulta evidente que a xente compra e come peixe, un peixe que pescamos nós polos nosos propios medios. Pagamos seguros, consumos, licencias, taxas portuarias, etc., e o peixe que vendemos a 20 céntimos o quilo, temos que pagalo 300 ou 400 veces máis caro se queremos comelo na casa comprado nunha peixaría. Quen tira beneficios da pesca, quen fixa os presos desta?. E por riba, non tes xente coa que conformar unha tripulación mínima, exposto sempre a sancións”.
A pregunta, sen resposta: quen se beneficia da pesca?. Os mariñeiros láianse polo baixo salario, aos armadores non lles é rendible a empresa, as administracións ollan cara á UE, a UE reducen ao mínimo as posibilidades de pesca dos Estados membros. Estamos, verdadeiramente, dando apoio a un sector do que en Galicia, viven máis de 4.000 familias que só dependen del?.
Poñemos, ,definitivamente, prezo aos barcos para que os exploten outros?.
Estaremos liquidando de vez o sector pesqueiro?.

