A resposta da Unión Europea á crise migratoria en Ceuta é “histérica, desproporcionada” e “un tanto absurda” a xuízo do que fora alto representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, o exministro socialista Josep Borrell, que entende que a maioría dos estados comunitarios “entraron en pánico” coma consecuencia da chegada de milleiros de migrantes -nomeadamente marroquís- á cidade autónoma española nun momento no que “había que amosar solidariedade” cun país -España- que ten “un problema”.
A análise de Borrell é anterior á decisión do Consello de Ministros que aprobou este martes o anteproxecto de reforma da lei de estranxeiría e asilo adaptada ao pacto europeo de migración.
A norma tramitouse no primeiro Consello de Ministros posterior ao parón estival e afecta tamén á lei de asilo co propósito de aliñar a lexislación española co marco común europeo de migración e protección internacional. Este pacto europeo establece un sistema de solidariedade obrigatoria e prazos comúns para os procedementos e fronteira. España sitúase agora e deste xeito entre os primeiros países que adecúan a súa lexislación nacional a ese marco.
A adaptación inclúe aspectos de protección internacional, prazos de tramitación e mecanismos de solidariedade entre Estados. O Goberno quere evitar un dobre estándar entre a lexislación nacional e o regulamento europeo.
Foron uns 80.000 os migrantes que, a nado, entraron os pasados días 30 e 31 de xullo na cidade de Ceuta, obrigando ao Executivo a despregar un operativo de emerxencia. O mando único reclamado insistentemente polo presidente ceutí, formalizado onte, coordina esa resposta que, a xuízo da maioría dos habitantes da cidade autónoma, debeu ser aprobado antes.
A migración ordenada esixe unha política europea común. Sen pacto europeo, a xestión de Ceuta será inviable. Daquela, por que a tardanza en chegar á reforma que se produce agora, despois de que Ceuta vivira unha presión migratoria inédita e inaguantable a finais de xullo?. A declaración de interese para a seguridade nacional -Ceuta e Melilla son España, fronteira da UE en África- enmárcase nesa resposta que se demandaba do Executivo.
Cómpre preguntarse se chega a tempo e existe connivencia cos 27 países membros da UE. Obviamente, incluída Italia.

