Non dou coa tecla que me permita escribir asisadamente a primeira letra da palabra que exprese a dor que me produce -ao igual que acontece a millóns de persoas no mundo enteiro- o masacre que leva a cabo o exército de Israel na que foi e xa non é cidade de Gaza, da que só quedan en pé unha mínima parte dos edificios que a conformaban, consecuencia dos constantes bombardeos que os abaten para, agora e segundo o goberno israelí, pór nas mans deste unha oportunidade única de erguer no chao cuberto de ciscallo unha outra cidade feita a medida de Benjamín Netanyahu e para groria de Donald Trump.
O pesadelo mantense dempois de case que dous anos de iniciado. E vai a peor, cando semellaba que non podía facelo máis. E xa son, segundo Save the Children, máis de 132.000 nenos menores de cinco anos os que corren o risco de morrer por desnutrición grave, segundo os últimos datos que confirman a existenza dunha fame implacable na gobernación de Gaza, situada na zona centro e norte da franxa.
Xa son máis de 20.000 os nenos e nenas asasinados, entre eles ao menos 1.000 bebés de menos dun ano. E cada hora, outro neno morre a causa dos bombardeos, a fame ou a falta de asistenza médica.
Inger Ashing, directora executiva internacional de Save the Children, expresou sen rodeos ante a ONU que “o mundo estivo observando como os cativiños sofren o impensábel durante case dous anos en Gaza, e agora temos a confirmación de que centos de milleiros deles están a ser paseniñamente condenados á fame. Ningún de nós debería aceptar esto”.
Todo Gaza está a ser sometido a unha situación de fame doente deliberada e os nenos están a pagar o prezo máis alto.
Como sinalaba anteriormente, máis de 132.000 nenos e nenas menores de cinco anos están en risco de morrer por desnutrición aguda. Os seus corpos mirrados relatan a historia da fame empregada coma arma de guerra. E, aínda que a comunidade internacional escoita, a axuda non chega á escala que se precisa.
Un alto o fogo inmediato e a entrada urxente de axuda humanitaria son máis que necesarios. Por vergoña, por sentido da responsabilidade. Para non esquecer o xenocidio cometido polo nacismo co pobo xudeo cuxos descendentes están a repetir, desgraciadamente, a historia desde a outra banda desta.

