Xa.
Chegou o día, veu a hora e as administracións do Estado e da Xunta de Galicia xa estamparon no pazo de Raxoi as sinaturas do acordo de transferencia de competencias de ordenación e xestión do litoral de Galicia.
Foi, é, no decurso da 44ª Comisión Mixta de Transferencias Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na que se formalizou o traspaso das competencias sinaladas. Foi a primeira transferencia de competencias realizada en 17 anos e ningunha das máximas autoridades presentes neste acto de hoxe tiñan daquela os cargos actuais: novatos, polo tanto.
Non deixa de ser chamativo que este traspaso se produza case un ano despois de que o Tribunal Constitucional, mediante sentenza, anulara a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia (Loxilga), empregando para elo o recoñecemento de aplicar a exclusiva competencia da comunidade sobre o bordo litoral ao mesmo tempo que sobre os usos e actividades que esa amplísima zona poderá acoller.
Dáse a circunstancia de que, nada máis asinar hoxe polo mediodía o acordo do traspaso de competencias do litoral xurdiran as primeiras voces esixindo o estrito cumprimento do acordo de transferencia do litoral de Galicia polo temor a que a asunción destas competencias non sexa outra cousa que a posibilidade de inzar de guindastres o bordo litoral galego cos que reanudar a vella tradición de construir a pé de praia e mesmo privatizar areais que, a día de hoxe, podemos desfrutar calquera cidadán.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo onte que non desbota reclamar ao Goberno central as competencias sobre permisos de traballo e residencia de cara a facilitar a chegada a esta comunidade autónoma de traballadores estranxeiros cos que cubrir postos vacantes de traballo debidos ao “declive demográfico”. Ben levado, non sería malo, tendo en conta que Ferrol, Ourense, Vigo, Pontevedra e A Coruña son os cinco municipios galegos con máis paro, cun total de 119.155 persoas en paro no pasado mes de marzo de 2025, o que supón un -1.51% a respecto do mes anterior.

