“A cidadanía quere un xornalismo valente e independente, non bulos”

 

 

 

Antón Luaces

16 Xaneiro 2025

 

Os que tivemos que levar a cabo tarefas xornalísticas durante o franquismo levamos no noso ADN coñecemento sobrado do que son os bulos que, 50 anos dempois da morte na cama dun xeneral que gobernou España a golpe de bulos durante case 40 anos, vivimos hoxe en día un remanecer daquela práctica cotián nos tempos nos que o bulo se combatía en España grazas á sintonía prohibida de emisoras radiais coma Radio España Independente, Radio París ou a BBC de Londres.

Na apertura do ano 2025, Marck Zuckerberg, propietario da empresa Meta e máximo responsable de Facebook, Instagram e WhatsApp, da un paso atrás e abandona a loita contra os fundamentos da liberdade de expresión que consagra a existencia dun xornalismo que só sendo valente e independente ampara os dereitos dun pobo á información veraz e comprometida con esta por riba de  calquera outra cuestión. Renunciar a este compromiso non é outra cousa que pasar a formar parte dos que, no seu día a carón de Franco e hoxe da man de Donald Trump e Zuckerberg, sitúan ao xornalismo comprometido e de calidade no marco da máis descarada militancia “desinformadora”. É a  mesma  militancia practicante que en boa medida podemos constatar en España, onde o bulo arromba ese xornalismo valente e independente polo que loitan moitos xornalistas e que a maior parte dos cidadáns reclaman no seu día a día. Só deste xeito poderemos evitar, entre todos, que os algoritmos e as grandes redes sociais invisibilicen ese xornalismo de calidade que, sen dúbida algunha, existe no noso país.

O xornalismo ten como esencia fundamental “garantir con honestidade o dereito cidadán a recibir información veraz”, como certifica a Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), entidade que reclama ás autoridades que apoien o xornalismo e aos xornalistas ante as ameazas latentes da desinformación. 

Non é unha percepción interesada do gremio de xornalistas. É a tristísima realidade que unha outra vez vivimos nunha España na que moitos dos que aínda hoxe asinamos con nome e apelidos os nosos traballos xornalísticos, por este simple feito temos aparecido en listas negras que barallaron responsábeis gobernativos por exemplo en Galicia.

Como é ben sabido, o bulo non é outra cousa  ca unha nova falsa que se espalla con algún fin, case sempre coa intención de crear alarma social ou atraer a atención do maior número posible de persoas coa fin de xerar desinformación.

O mundo actual superou en España vai cara aos 50 anos aquelas condicións que a ditadura xustificaba sen a máis mínima vergoña.