“O incumprimento das normas de navegación van en proveito dos narcos”

 

O Barbanza

Antón Luaces

17 Febreiro 2024

Nos anos 80 do pasado século, cando as Rías Baixas de Galicia eran territorio favorable aos narcotraficantes que abandonaran o contrabando de tabaco, apareceron en vilas e pobos da ría de Arousa as famosas planadoras equipadas con poderosos motores de, como mínimo, 250 cabalos cada en seu e, na maioría dos casos,  equipadas con catro ou cinco motores desa potencia. Eran moitas delas, planadoras que dispuñan de motorizacións británicas montadas nunha coñecida marca, que se adaptaban como lubas ás mans aos cascos feitos -como os das narcolanchas actuáis- na veciña Portugal e trasladadas posteriormente á ría arousana. Aquí sempre había onde gardar a embarcación recén adquirida ata que a mesma entrara en servizo. Moitas veces eran utilizados garaxes ou almacéns en teoría destinados a empresas xa ubicadas noutros lugares para telas a resgardo.

Os axentes do Servizo Marítimo de Aduanas chegaron a localizar algúns destes supostos garaxes ou almacéns na zona interior do concello de Boiro e outros próximos.

Eran planadoras que, ao igual que as narcolanchas de Barbate, superaban con moito a eslora e potencia das embarcaciòns HJ de Aduanas, malia ser estas as máis modernas do Servizo Marítimo de Aduanas en toda España.

Inicialmente, as planadoras servían como embarcacións intermedias nas que barcos de maior porte -pesqueiros, decote, e se non, barcos deportivos- descargaban a súa mercadoría para aquelas trasladar a carga a unha praia ou lugar afastado da vista a onde finalmente chegarían os vehículos encargados da distribución da droga.

Nese tempo, ao igual que no actual, rexían normas e leis redactadas para evitar que embarcacións de potencias como as xa mencionadas foran utilizadas indebidamente. Os seus patróns,por exemplo, debían estar titulados e habilitados para patronear semellantes “monstros” mariños aos que só helicópteros e avións podían superar en velocidade. Poucos, moi poucos deses patróns, estaban autorizados para exercer coma tales e, polo tanto, a ilegalidade era flagrante.

Aínda así, e sendo sabedores de quen incumpría as citadas normas, non se actuaba en terra, senon no mar. Polo tanto, patróns non autorizados -carentes de titulación- “mandaban” embarcacións que, á súa vez, tamén eran ilegais -como na actualidade- carentes de rexistro oficial e, xa que logo, tamén oficialmente inexistentes.

Repítese a historia e esta ten os mesmo protagonistas. Por que as narcolanchas están á vista e, a bordo delas, case sempre os mesmos tripulantes carentes de rol; quen é o armador ou propietario de cada una delas?.

Barbate, como antes Cambados -por poñer un exemplo- son vilas nas que, na práctica, toda a poboación se coñece. Mais semella que ninguén sabía nen sabe nada.

Impera a lei do silenzo, a omertá?.