Israel bombardeou este luns unha escola -unha máis- no norte de Gaza. Foi un outro ataque nun lugar teóricamente destinado a refuxio seguro para as familias que alí se acubillaban. Entre os mortos, nenos, nenas e bebés. Cantos máis teñen que morrer para que se deteña esta violencia?
É certo que cada vez son máis os países que se opoñen con rotundidade ao que está a pasar en Gaza; máis non abonda con expresar preocupación, con ollar cara outra banda mentres Israel, polo ditado do seu goberno, bombardea hospitais e escolas ao tempo que mata de fame a milleiros de cativiños cuxa simple visión confirma o xenocidio que practica un país que padeceu outro vai oitenta anos.
É chegado o momento de que se esixa un alto o fogo inmediato e o remate do bloqueo á axuda humanitaria que centos de camións tentan facer chegar a milleiros de cidadáns palestinos que pagan así o feito de convivir con uns irmáns que, ao igual que os israelitas fixeron anos atrás con outros concidadáns, amparan agora aos que antes lles deran acubillo nunha terra que, nos alicerces da ONU, foilles entregada polos vencedores da II Guerra Mundial para que tivesen onde vivir.
Alto o fogo, xa. Non hai outro xeito de deter esta catástrofe. Cada hora conta diante da severa destrución á que se ve sometida a franxa de Gaza que os norteamericanos de Trump queren converter nun inmenso resort. O mundo non pode seguir pechando os ollos diante de semellante crime. Israel non pode esquecer o que os xudeus padeceron na Alemaña de Hitler. A memoria do pobo israelita non pode ser tan fráxil. Non lles doe o que están a facer en Gaza?
Falta vontade política e sobran bombas que a Humanidade rexeita porque lle sobran experiencias con elas.
