Desde vai máis de 25 anos, a frota galega adicada á captura de luras nos caladoiros das illas Malvinas non faena dúas temporadas seguidas sen sobresaltos. O último, polo de agora, obriga ao retorno a porto de toda a frota estranxeira por mor da escaseza do stock necesario para manter en condicións axeitadas un caladoiro que, por moi diversos motivos (entre outros a captura ilegal que reduce notablemente o limiar crítico de explotación que as autoridades pesqueiras das illas fan recaer sobre os numerosos buques que, legal ou ilegalmente, traballan na zona) está a perder as xa escasas posibilidades de recuperación.
Clausurada esta mesma semana a campaña desregulada de lura na fronteira do mar arxentino, as autoridades das Malvinas certifican que a actual biomasa de luras é evidentemente inferior á existente antes da veda fixada polas autoridades pesqueiras do país. Por este motivo existe o temor a que o actual stock de luras baixe desas 10.000 toneladas, límite considerado básico para a recuperación post-veda.
Porque o que semella ser unha cidade no medio do mar son barcos, na súa maior parte de procedencia chinesa que faenan ao seu libre albedrío nos límites ou dentro destes da coñecida coma fronteira do mar arxentino. Para os malvinos e arxentinos en xeral, é a frota da milla 201 (unha milla fóra das augas nacionais) que, con demasiada frecuencia, rebordan a liña das augas xurisdiccionais, “pecado” tantas veces achacado aos barcos galegos e motivo de moi serios conflitos en tempos incluso armados.
O impacto ambiental da pesca sen control é un dos varios motivos que inciden na industria pesqueira nacional. Todo porque tanto os habitantes malvinos coma os arxentinos coidan que coa fixacion da milla 200, “feita a lei, feita a trampa”.
Cando se trata de regular mediante a aplicación de normas internacionais as augas e frotas nacionais e os que faenan ilegalmente fan acto de presenza alí onde outros pescan legalmente, crébase o equilibrio do recurso, establécense vedas regulatorias e, aínda así, os non infractores han tomar a vía do retorno a porto base, cando non o amarre por tempo indefinido coma se foran culpables do dano causado.
