O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelará ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación no pleno do Congreso urxindo o executivo a mudar as súas políticas e defender os intereses do sector pesqueiro, especialmente o galego por ser un país “altamente dependente da pesca que merece ser declarado como tal”. Rego reclamará a Planas a paralización da implantación da eólica mariña até ter estudos concluíntes dos seus efectos e unha revisión das cotas.
A interpelación producirase esta mesma semana no pleno que se celebrará esta cuarta feira (mércores), 8 de outubro, durante a sesión de control ao Goberno. A organización nacionalista avanza que froito desta interpelación o pleno da cámara baixa tamén se deberá posicionar a respecto da moción que rexistrará o BNG.
O grupo nacionalista galego sinala que “as decisións do Goberno do Estado e a Unión Europea están sendo lesivas para a frota pesqueira galega, a comezar pola redución e limitación de cotas incluídas especies como a sardiña que xeran moitas dificultades e que foron recuperadas por anteriores limitacións mais que non sofren modificacións ou actualizacións na cota”.
Engaden que “a previsión é estender máis aínda as limitación á pesca con artes de fondo en areas do mar comunitario, xerando máis dificultades nun sector, sinala o deputado galego, que “é chave para a economía galega e que xera millares de postos de traballo de forma directa e tamén indirecta. Por exemplo, no complexo mar-industria e nas empresas de transporte”.
“A maiores, hai decisións do Goberno do Estado que poñen dificultades para esta actividade como a aprobación dos Plans de Ordenación de Espazos Marítimos (POEM) e a delimitación de zonas de alto interese para a produción de enerxía eólica que son unha ameaza a bancos pesqueiros e para a biodiversidade” enfatiza Néstor Rego.

