Semellaba que a actividade dos narcotraficantes bajxara decididamente en Galicia ao ser “descabezadas” as “familias” dos herdeiros do contrabando de tabaco que, nos anos 80, se pasaran á droga, especialmente á cocaína. Máis non é así: as rías galegas seguen a ser obxectivos esencias para os “narcosubmarinos” dadas as condicións que as mesmas reúnen para que os alixos se descarguen con relativa facilidade na costa e, de aquí, sexa trasladada por estrada a calquera lugar de España e mesmo Europa.
Pode ser o acontecido o pasado sábado na ría de Arousa, que deixara de ser nova neste eido desde que Vixilancia Aduaneira, a Policía Nacional e, nomeadamente, o Servizo Marítimo da Garda Civil, incrementaran o control da costa e a zona interior das rías baixas aumentando, deste xeito, a vixilancia e control a partir dos anos 90.
Sen que signifique unha renuncia a esta actividade delictiva das “familias narco” galegas, o certo é que os denominados “narcosubmarinos” realizan operacións ás que poden non ser alleos os galegos máis, sen dúbida, en operacións levadas a cabo por narcos suramericanos, nomeadamente colombianos, como é o caso dos tres nacionais dese país que, case que con toda seguridade, pasarán a disposición xudicial este martes como presuntos responsables da descarga de 3.600 quilos desa droga nunha operación desbaratada na operación policial desenvolvida na Pobra do Caramiñal. Fontes da investigación citadas por distintos medios de comunicación non desbotan a posibilidade de novos arrestos relacionados coa devandita intervención.
A interceptación inicial de 1.500 quilos de cocaína non pecha, polo de agora, a referida actuación policial, que xa tivo continuidade na posterior localización nun solar abandonado do municipio pobrense de algo máis de 80 fardos de droga, co que o total incautado ata este momento suma 3.600 quilos.
O primeiro alixo de 1.500 quilos de cocaína foi intervido no remolque dun vehículo que acadou fuxir da Policía Nacional nun operativo contra o narcotráfico desenvolvido na comunidade galega.
Os tres colombianos detidos na parroquia pobrense da Virxe do Monte permanecen na comisaría de policía de Ribeira de onde pasarán a disposición do Xulgado de Muros. A policía sospeita que os detidos chegaron á costa barbanzá a bordo dun narcosubmarino non localizado.
