Proa ao sol. Así afundiu fronte á costa mauritana entre o lusco-fusco do venres galego o pesqueiro Tafra 3, antigo Playa de Loureiro, de 34 metros de eslora, exportado ao caladoiro mauritano no ano 2023. No afundimento do barco desapareceron cinco tripulantes mauritanos que se dan xa como desaparecidos e, probablemente estean no seu interior. Os tripulantes galegos son Javier Gestido Piñeiro e José Manuel Diz Garcìa, ambos os dous patróns que, xunto con outro español de Huelva, permanecen nun hotel do porto de Nuadibú, capital de Mauritania.
O afundimento, extremadamente rápido a causa dos danos provocados na abordaxe protagonjzada polo arrastreiro peláxico Right Whale, con bandeira de Gambia e armador lituano, tivo lugar nunha zona atlántica de escasa profundidade (31 brazas) que permitiría a súa recuperación de non ser polos danos causados (un amplo furaco no costado do buque factoría de 105 metros de eslora) a altura da bodega que, probablemente, tamén afectou á sala de máquinas e cuxa reparación após o refrotamento do pecio non sexa asumida polos armadores.
O “may day” de socorro activóuse ás 20,40 (hora española) do venres. O patrón galego José Manuel Diz García precisou de atención médica por un corte na cabeza ao que se aplicaron puntos de sutura. Ambos os tripulantes atópanse en bo estado, ao igual que o onubense. Os outros 18 truipulantes permanecían a bordo dos distintos barcos que os rescastaron.
O Tafra 3 pertence á armadora Baipesca, de Vigo, propiedade de Genaro Martínez.
A que remata foi unha semana moi negativa para o sector pesqueiro galego, por accidentes rexistrados no mar que, en boa hora, non tiveron graves consecuencias persoais.
