“Perdérono todo. Mesmo as lembranzas, agora cubertas de cinzas”

  • Print

 

 

 

 Antón Luaces

31 Agosto 2025
 

O lume foi implacable este verán con Galicia. Nunca tanto queimou en tan poucos días e nunca ata o de agora arrasara o lume tantos sentimentos. Nunca arderan  a eito casas, aldeas, leiras e montes. 

Non, nunca a sinfonía do lume soara tan tráxica na verde terra dos mil ríos á que cantou o Rivas desde o papel convertido en partitura con clave de Sol. E a “música do lume” por primeira vez cheirou a traxedia neroniana en Chandrexa de Queixa, en Larouco, en Oimbra, en Xinzo, ecoando nos cavorcos abandonados polas arroiadas un día, plenas de troitas brincadeiras e hoxe sombrizo paraxe enfermo e carente da viveza necesaria polos medos renacidos, herdados daqueles outros provocados polos contrabandistas para que a Garda Civil acudira aos montes e as praias quedaran libres da súa presenza para eles descargaren o Winston de batea convertido posteriormente en droga asasina, sen nai. 

Este verán de tres fatídicas semanas, Galicia foi unha pura engurra de terra ferida, de terra queimada, de bagazo seco, de tremores internos e pregos á Virxe Nosa Señora para que, cando menos, o ceo botara unha man húmida de choiva coa que aplacar o lume que nos queimou e que xa, por fin, “está controlado” ou extinguido.   

O que falta é a cuberta que cubra o manto de cinza acumulada para que esta non incremente no mar o dano xa feito en terra. Porque hai medo aos estragos que esa cinza pode causar nas rías, especialmente nas de Arousa e Muros-Noia, as máis importantes para o marisqueo e a pesca. Esa cuberta é trascendental no que atinxe á fixación da capa vexetal básica para a rehabilitación dos montes queimados. 

E con todo este traballo a rehabilitación, tamén, das ideas e os plans da administración autonómica para que, superada a actual situación, non se repitan posteriormente os erros cometidos no que, específicamente, ten que ver co coidado dos montes e, en concreto, a atención que estes merecen diante da defensa contra o lume.