“Un pacto de Estado fronte a emerxencias climáticas, un acordo de país que transcenda gobernos e lexislaturas”

  • Print

 Antón Luaces

01 Setembro 2025

Porque “o lume golpea o corazón económico e social de España e das nosas zonas rurais”, segundo a formulación do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, quen anunciou que o Goberno apoiará aos agricultores, gandeiros e titulares de explotacións afectados polos incendios forestais -finalmente apagados xa na comunidade autónoma galega-. Un goberno, dixo tamén Luis Planas, que vai “dar resposta aos afectados, adoptando as medidas necesarias como o fixemos desde xuño de 2018 en cada situación extraordinaria”.

Son estas medidas que coñeceremos  a mediados da semana en curso e que se irán estudando polo miúdo dada a situación de verdadeira emerxencia que se vive en Galicia, especialmente onde os incendios forestais acadaron dimensións históricas.

Acontece que os rexistrados foron “incendios terribles, nunca sufridos ata agora”, dixo o ministro, quen insistiu en que o Goberno arbitrará as axudas necesarias para que os afectados podan emprender canto antes a súa actividade. Lanzou unha mensaxe de tranquilidade ao sector e puxo en valor o seguro agrario como ferramenta fundamental para agricultores e gandeiros; lembrou que as pólizas  protexen aos afectados e cobren danos a producións, plantacións e arborado, así como a perda de animais, colmeas e, en caso necesario, a retirada e destrución de cadáveres de animais en menos de 48 horas. E fixo memoria, Luis Planas, de que en 2025 o Goberno destinou 315 millóns de euros de subvención ás pólizas deste sistema (pouco utilizado, por certo, en Galicia onde a credibilidade do mesmo é mínima).

Garantiu o ministro que as explotacións afectadas disporán normalmente das axudas da Política Agraria Común (PAC) dado que os incendios son considerados causa de forza maior e que a Comisión Europea aprobou recentemente que os Estados membros  incrementen ao 80% o anticipo das axudas directas da PAC a partir do 16 de outubro  que dotará de maior liquidez as explotacións. Agora son as comunidades autónomas as que deben decidir se aplican esta medida.

Outro motivo de controversia?