“Todo e máis”, compromiso con Galicia do presidente do Goberno cando o lume ameaza xa pasar á provincia de León”

  • Print

 

 

 

 

Antón Luaces

18 Agosto 2025

O lume carboniza a comunidade autónoma galega, superadas xa as 50.000 hectáreas de monte queimadas na provincia máis afectada polas lapas: a de Ourense. Após unha semana de incendios, máis de 3.000 persoas loitan contra eles. A Xunta reclama máis axudas do Goberno e este, por medio do seu presidente, Pedro Sánchez, prometeu este domingo en Ourense que vai facer “todo e máis” do solicitado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta, quen demandou recursos como 20 bulldozers, 2 helicópteros ou hidroavións, 80 motobombas e tres nodrizas de 25.000 litros para os servizos de extinción. Solicitou asimesmo outros 200 soldados que incrementen a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e da BRILAT xa integrados no dispositivo antiincendios.

O presidente do Goberno prometeu a mobilización de 500 membros da UME en toda España, para facer posible atender a petición de 200 formulada pola Xunta. Esta aprobará no Consello desta semana axudas para os afectados, contando con que o Executivo nacional aportará asimesmo  axudas complementarias unha vez se extingan as lapas.

Alfonso Rueda insistiu en que a maior parte dos incendios rexistrados nesta comunidade autónoma son provocados e pediu a Sánchez un maior esforzo nas tarefas de investigación xa en marcha para identificar aos incendiarios. 

Seguen cortadas estrada e suspendida, desde o pasado xoves, a liña de alta velocidade do ferrocarril entre Galicia e Madrid. 

A Garda Civil levou a cabo este domingo novas detencións en Ourense, relacionadas con incendios provocados nesta provincia: unha muller de 81 anos, presunta autora de dous conatos de incendio no termo municipal de Celanova, e un veciño de Petín, de 61 anos, presunto autor dun incendio orixinado o sábado, que se uníu a outro declarado o mércores.

Van xa sete días de loita incesante contra o lume, e a pequena esperanza de que o descenso térmico rexistrado nas últimas horas e a previsión de choivas no noroeste peninsular desta semana inflúan decisívamente na extinción dos incendios aínda activos.