O recurso do Goberno contra a sentenza que avala o veto ao palangre demersal en 87 zonas do Atlántico nororiental é considerado pola Xunta coma unha apertura de portas á participación da comunidade autónoma no procedemento -no que xa traballan os servizos xurídicos galegos- co obxectivo de aportar información de carácter técnico que permita reforzar as posibilidades de éxito do devandito recurso.
Por primeira vez, a conselleira do Mar concorda co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en que o paso dado por este organismo “permite seguir defendendo os intereses da nosa frota como vimos facendo ata o de agora”.
Compre lembrar que os Estados membros da UE son demandantes “privilexiados” nos recursos contra sentenzas do Tribunal Xeral que se circunscriban a motivos de dereito, coma é o caso.
Como xa informou este xornal, o Goberno anunciou recurso contra a sentenza do Tribunal Xeral da UE que avalou o veto da Comisión Europea ao palangre demersal en 87 zonas do Atlántico Nororiental, o que a conselleira do Mar, Marta Villaverde, valorou “moi positivamente”. É unha vía que mantén vivo o proceso xudicial mentres se traballa no ámbito técnico e político porque a Xunta non comparte a antedita sentenza debido a que o palangre é unha modalidade de pesca das máis selectivas e sostibles cunha limitada afectación nos Ecosistemas Mariños Vulnerables.
O Tribunal Xeral da UE desestimou o pasado mes de xuño os recursos interportos polo Goberno central e pola OPP de Burela a máis 16 compañías armadoras propietarias de 21 buques afectados, recursos nos que tamén participou a Xunta, contra o veto. Unha medida motivada pola Comisión pola existencia dos ecosistemas (EMV).
