“Un estudo vincula ao botulismo a enfermidade que mata milleiros de aves mariñas”

  • Print

 

 

 

Antón Luaces

14 Maio 2025
 

A desaparición de poboacións de gaivotas levou á comunidade científica a contemplar este feito con desconcerto, ata o estremo de que, na segunda parte do século XX, en zonas costeiras de Galicia, se relacionou esta redución coa proliferación de vertedoiros ao aire libre e mesmo cos descartes pesqueiros. Pero a aceleración na perda de gaivotas dos últimos anos non  podía explicarse só polos cambios na forma de xestionar os residuos e as medidas de control sobre a actividade pesqueira, como informa a redacción de GCiencia, órgano de información da Universidade de Vigo.

 Nun estudo no que participa o Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo,  conclúese que o botulismo é a causa máis probábel da síndrome parético, enfermidade que provoca parálise severa en aves mariñas, especialmente gaivotas.

Durante a pescuda, os resultados das 571 análises practicadas a 377 aves (tanto sas como con síntomas de parálises)  na costa sur de Portugal, evidencian que o 100% das 22 aves enfermas analizadas deron  positivo en neurotoxina botulínica, mentres que ningunha das aves asintomáticas presentaba esta toxina.

A síndrome parético identifícase con síntomas como parálises fláccida das extremidades, dificultade respiratoria (disnea) e diarrea, o que impide que as aves  poidan alimentarse, nadar ou escapar de depredadores.

O Centro de Recuperación de Fauna RIAS atende cada ano numerosas aves con este  cadro clínico, acadando a recuperación de máis da metade, aínda que ata o de agora resultaba descoñeiída a súa orixe.

O botulismo aviario é unha intoxicación causada pola toxina producida pola bacteria Clostridium botulinum -abundante en ambientes acuáticos con altas temperaturas e exceso de materia orgánica (guano). As aves adoitan intoxicarse ao consumir larvas de mosca que se desenvolven en cadáveres en fase de descomposición contaminados pola toxina que produce a bacteria, aínda que no caso concreto das gaivotas non está

claro cal é a vía de exposición á toxina, segundo a directora clínica e investigadora do centro de recuperación de fauna RIAS, María Victoria Mena.