O verme ten, obviamente, nome científico: Postenterogomia orbicularis. Foi localizado recentemente na ría de Ribadeo, onde existe un importante criadeiro de ostras que nestes momentos engorda a 1.700.000 exemplares que están en distintas etapas de crecemento desde que foron sementadas e que, aos dous anos e medio acadarán o tamaño estimado para a súa recolleita e venda.
O verme chama a atención dos ostreiros galegos e, obviamente, da Consellería do Mar da Xunta de Galicia porque é, potencialmente, un perigo a combater e non só polas ostras, senón tamén por bivalvos coma o mexillón ou a ameixa.
Un estudo realizado pola Universidade de Oviedo e o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Alimentario (Serida) de Asturias deu coma resultado o descubrimento en territorio asturiano -segundo publica un xornal galego- dun verme nativo de Nova Zelanda (Océano Pacífico) que se alimenta de bivalvos cunha voracidade tal que pon en risco os ecosistemas mariños e a industria acuícola das zonas nas que o verme se establece.
Ata febreiro de 2023 nada se sabía dese verme como residente en Europa, máis un ano despois era detectado por primeira vez no porto asturiano de Avilés e máis no deportivo de Xixón. Pero en xullo de 2024 tamén se capturaron unha vintena de espécimes nunha praia natural na entrada da ría de Avilés. O verme ficaba no interior de ostras mortas.
Actualmente os investigadores falan da necesidade de aplicar medidas de control que impidan a expansión desa especie invasora, xa que logo en xullo de 2024 atopáronse na ría avilesina exemplares do verme que portaban ovos. E a semana pasada, o biólogo da confraría de pescadores de Ribadeo daba conta da localización do primeiro exemplar dese verme invasor nos mexillóns do porto ribadense. Este feito conduciu a tentar evitar que a especie poida desprazarse e invadir novas zonas da costa asturiana e Galicia, mobilizando a Consellería de Pesca da Xunta os medios necesarios para coñecer se o verme chegou a outras zonas ostrícolas desta comunidade autónoma, nomeadamente das Rías Baixas, nas que se leva a cabo a semente de ostra procedente de Francia por se esta puidera verse afectada polo verme sendo como é a zona unha fonte de enorme riqueza econóimica e social.
Vai uns 40 anos, un criadeiro de ostra autóctona como era a que se producía na ría de Ortigueira estragouse case por completo debido á semente na mesma ría de cría de ostra francesa que rematou por devorar á propia desa ría. Desde aquela nunca a de Ortigueira volveu ser a ría ostreira que fora.
