“A frota pesqueira española acadou en 2022 mellores resultados económicos ca en 2021”

  • Print

 

 

 

 – Antón Luaces

27 Outubro 2024
 

Cunha previsión máis positiva para 2023 e 2024, cómpre salientar que a frota pesqueira española mellorou en 2022 o seu rendemento económico en todos os medidores. O valor das capturas acadou os 2.090 millóns de euros, o que representa un incremento do 7% malia que o volume en peso vivo da produción reduciuse un 0,8%. O Valor Engadido Bruto (IVE) mantívose estable en 1.024 millóns de euros, mentres que o beneficio bruto chegou aos 321 millóns de euros (un 12% máis) e o beneficio neto se situaba nos 486 millóns (un 18% máis). 

Deste xeito, a frota pesqueira española esquivou o golpe que supuxo o incremento dos custes de explotación en 2022, ano no que o conxunto do sector europeo tocou fondo en termos de rendibilidade.

Estes datos corresponden ao Informe Económico Anual sobre a frota pesqueira da Unión Europea, publicado polo STECF (Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca) da UE.

En contraposición a estes datos positivos, a frota comunitaria viuse directamente afectada polo incremento dos prezos do combustible e de explotación como resposta dos mercados á invasión rusa en Ucraína.

O sector comunitario rexistrou uns beneficios netos de 148 millóns de euros (un 52% inferior aos 313 millóns do ano 2023). É o mínimo histórico en toda a xeira temporal.

Durante 2022, a frota pesqueira europea produciu 3,48 millóns de toneladas de capturas de produtos  do mar (-2,5%) cun valor de 6.640 millóns de euros (con lixeira diminución do 0,4% a respecto do ano 2021). Os beneficios brutos (1.097 millóns de euros) descenderon un 16,5% fronte aos 1.314 millóns do exercicio anterior, o que supón que os ingresos non cubriron os custos, aumentando máis a presión sobre a rendibilidade neta do sector.

Os datos do ano 2022 reflicten que España segue a reducir a súa capacidade pesqueira. O exercicio rematou con 8.814 buques rexistrados (328.492 GT., unha potencia acumulada de 776.326 kW). Esta evolución evidencia unha caída do 13,3% no número de buques censados, do 11,2% na potencia e do 14,7%  na capacidade en GT. En termos de emprego, a frota contratou a 30.494 profesionais, dos que 23.380 estaban a tempo completo, cun salario medio de 30.035 euros, un 1,6% menos.

Xustifican estes datos a negativa falta de remuda nas tripulacións dos pesqueiros?.

As previsións no sector español para o ano 2024 que imos pechar son optimistas; pero se temos en conta os problemas derivados da guerra en Oriente próximo e o rumbo que a mesma está a ter con cada vez máis países implicados na mesma, talvez deban ser corrixidas estas previsións.