“Un de cada dez mariñeiros do sector pesqueiro galego son estranxeiros”

  • Print

 

 

 

 

– Antón Luaces

26 Outubro 2024
 

A falta de remuda no sector pesqueiro galego segue a ser o cabalo de batalla no que moitos queren cabalgar para xustificar a máis que evidente redución dos postos de traballo que o mar sempre creou na comunidade autónoma galega e que significa, a día de hoxe e malia todo,  un importante aporte económico para a Autonomía e, obviamente, o IPC desta.

Os traballadores foráneos na pesca son xa case ca dous  por cada dez ocupados. Deste xeito, o sector mantense a flote -nunca mellor dito- após ter perdido un milleiro de traballadores no último ano, o que agrava o seu déficit por falta de relevo. 

O papel fundamental que a pesca representou sempre para as poboacións do litoral galego queda reducido actualmente ao que xoga no eido alimentario, que non  é pouco, pero que non incrementa o censo de traballadores por conta allea.

 Se non fose pola man de obra estranxeira (maioritariamente africana e iberoamericana) moitos dos barcos con base en portos galegos non sairían a pescar. E tendo en conta que o 40% dos tripulantes superan hoxe en día os 50 anos de idade e que estes, poden acollerse á xubilación anticipada (aos 55 anos), o panorama para o sector á volta de cinco anos é desolador: a pesca vai ser un sector residual en canto a produción de materia prima e, evidentemente, como motor para a creación de postos de traballo. 

Este feito fai que teña que me autorrectificar e sumarme aos defensores da piscicultura porque, se ben esta non chegará nunca a crear os postos de traballo que a pesca salvaxe xera aínda a día de hoxe, non é menos certo que sen a acuicultura e a man de obra estranxeira que aquí opere, a pesca galega será unha simple relembranza dun tempo que foi.

Doe recoñecelo, pero as cifras, os datos, falan por si sós.

Con dous millóns e medio de parados en España, os armadores dos barcos galegos de pesca non atopan remuda para os tripulantes que abandonan o oficio. Polo tanto, a unha rexión que foi a máis importante  da UE no eido pesqueiro non  lle queda outra no futuro que importar peixe ou consumir peixe de piscifactorìa.