“Os faros galegos mudan de funcións. manda a hostalaría”

  • Print

Antón Luaces

07 Agosto 2024

Menos mal que, a tiro de pedra do porto de Ribeira, o facho da Ínsua, considerado sempre como “faro”, segue a guiar a entrada e saída da dársena das embarcacións, o que fala de pasado e presente ao tempo que deixa no limbo o seu futuro. 

Pero o  certo é que a historia dos faros -abundantes nas costas galegas- vai esmorecendo  co paso dos anos e a aplicación de novas tecnoloxías que, sen invalidar as funcións a eles encomendadas dende moitos anos atrás, fan cavilar nun tempo próximo no que eses grandes compañeiros da noite e os días de mal tempo dos profesionais do mar serán definitivamente arrumbados como obxectos que foron e xa non son.

 O de Corrubedo -de grande atractivo para os habitantes da zona e os moitos visitantes deste pobo- foi un referente moi especial na costa galega. Naceu este faro ao abeiro do Plan General de Alumbrado Marítimo de 1847.  A súa construción foi decidida como “remedio” definitivo para alumear o treito de litoral, especialmente perigoso polos baixíos situados a distancia da costa e porque combinaría a súa luz intermitente coa dos outros faros situados, ao Norte, na entrada da ría de Corcubión e, ao sur, o tantas veces mentado da illa de Sálvora. 

Con estes tres faros sería factible localizar dende Corrubedo as “lanternas” de Fisterra e das Cíes, dous dos principais sinais marítimos que contemplaba aquel Plan  de vai 177 anos ao que un novo proxecto, a piques estivo de converter en hotel.

Semella que, finalmente, non vai ser así. Non hai acordo para que a zona habitable deste faro que tanta luz irradia a un Corrubedo ateigado de turistas sexa transformada no que ía ser hotel. Corrubedo seguirá a se gabar do seu faro, en troques do de cabo Silleiro, máis ao sur, que din vai transformarse nunha cafetaría.