“Unha de ameixa roubada”

  • Print

 

 

 

Antón Luaces

15 Xullo 2024

Está visto: seis mil euros non é o valor real da cría de ameixa roubada aos mariscadores do pósito de San Antonio, en Cambados, porque a ameixa substraída da batea de preengorde podería multiplicarse por tres ou catro en base ao resultado dos plans de semente que desenvolven os mariscadores da devandita confraría. 

A ameixa roubada permanecía nos cestos e gaiolas da batea de preengorde, das que a cría sairìa en pouco tempo para servir de semente nos parques de cultivo autorizados pola Consellería do Mar. Membros da Garda Civil levan a cabo as pescudas pertinentes, co obxectivo de localizar aos autores do roubo.

Non é esta a primeira ocasión na que se atenta contra dos intereses dos mariscadores arousàns e, á vista do acontecido, compre desbotar a posibilidade de que se trate dunha acción illada protagonizada polos popularmente coñecidos como “fodechinchos” (así se denomina na zona aos veraneantes que apañan bibalvos nas praias sen v alorar o dano que casionan aos mariscadores que viven todo o ano da estración de berberecho e ameixa. O roubo semella máis ben estar perpetrado por furtivos, mariscadores ou non, que optan polo máis doado: aproveitarse do traballo realizado polos profesionais  para se facer con diñeiro fácil y vivir a conta dos demáis durante uns meses.

Os mariscadores  cambadeses -ao igual  ca os doutras zonas da ría-  propoñen a reorientación da planificación que levan a cabo de cara a unha maior rendibilidade do produto e seguridade da cría. O malestar entre os profesionais do marisqueo é grande e xa hai propostas para vixiar mediante patrullas integradas polos afectados que colaboren no control e vixilancia que  manteñen as forzas da orde pública e os efectivos do Servizo de  Vixilancia Pesqueira da Xunta, do que demandan unha máis efectiva tarefa sobre todo diante da posibilidade de que o produto do roubo sexa utilizado como semente en parques que non son responsabilidade dos mariscadores do pósito cambadés.