Unha rocha de 57 metros de altura serve de base na que se asenta a fermosa estrutura da Torre de Hércules, único facho da antigüidade grecorromana que, en certa medida, conserva a súa estrutura e que desempeña a función primixenia para a que foi deseñado: axudar á navegación marítima a se desenvolver nun espazo de perigos sen conto que mesmo levaron a edificar léndas que deron sona sen fin ao que hoxe en día é o faro romano en uso máis antigo do mundo. É proba da continuidade da ruta atlântica desde a súa organización , durante grande parte da Idade Media, e ata o seu considerable desenvolvemento nas épocas moderna e contemporánea.
O de Hércules comezou a construirse entre os reinados de Nerón e Vespasiano. Probablemente foi proxectada polo arquitecto Caio Sevio Lupo, procedente da Lusitania. Este deixou aos pés da Torre un epígrafe conmemorativo que aínda se conserva protexido por un pequeno edículo erixido a principios do século XIX, localizable na plataforma que serve de base ao monumento de 68 metros de altura total. O 27 de xuño de 2009 foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
No reinado de Carlos III foi reconstruida totalmente, rematando a obra neoclásica en 1791 baixo a dirección do enxeñeiro militar Eustaquio Giannini.
O Instituto de Estudos Torre de Hércules xunto coa Polifónjca Coruñesa CANTICORUM, coa aprobación do concello da Coruña instituiron en 2014 celebrar cun acto musical que lembrase a declaración da Torre pola UNESCO de Patrimonio da Humanidade, celebración que este ano se leva a cabo na igrexa de Santo Nicolás da Coruña, ás 20,30 horas cun concerto protagonizado polo citado coro que, por segunda vez na historia após a súa estrea en 2014, interpretará o canto “Pedra de mar e vento” con música de Pablo Méndez Carreira e letra de Antón Luaces Teixido, orixinal da obra depositado no arquivo do concello coruñés en tempos de Javier Losada Azpiazu como alcalde.
