“Un trimestre maldito en España: setembro, outubro e novembro”

 

 

 

– Antón Luaces

31 Outubro 2024
 

O Levante español, xunto con Cataluña, Andalucía, Euskadi e Castela-A Mancha -ás que se suman  outras autonomías que o padeceron en menor grao- levan na súa historia a marca imborrable das borrascas, DANAS, dinas, etc. que, nos últimos 70 anos, deixaron un ronsel de centos de vítimas mortais e importantísimos danos económicos nas distintas comunidades afectadas, nomeadamente nas anteriormente citadas. De xeito moi especial a valenciana que, neste outubro de 2024, contabiliza danos aínda por avaliar totalmente, tanto no eido persoal (con mortos e feridos) coma no colectivo que, arestora, fan temer o peor ata o reconto derradeiro.

Esta DANA actual pode ser cualificada coma unha das peores rexistradas na historia de España, incluíndo a dos anos 60 do século pasado, cando España enteira envorcouse en axudar aos damnificados e nas emisoras de radio de todo o país se abrían micrófonos e teléfonos (Ustedes son formidables, da SER, é un exemplo) para cointribuíren os cidadáns e a empresas, de xeito decidido, a paliar os efectos das riadas.

A actual serve para entender a vivida en 1962, cando a riada do Vallés provocou entre 600 e 1.000  falecidos. Serve asimesmo para dicir que a do 13 de outubro (sempre outubro, sempre) de 1957, cando rebordou o río Turia, contabilizándose 81 vítimas. 

Ás do Vallés, en Barcelona, setembro de 1962, foron causadas polo desbordamento dos ríos Llobregat e Besós, que deixaron cifras de altísima dor: cunha precipitación de 212 litros por metro cadrado en menos de tres horas, a riada deixou (como se citaba anteriormente) entre 600 e 1.000 mortos, milleiros de feridos e perdas de case 3.000 millóns de pesetas en Tarrasa, Rubí, Sabadell, Sant, Sant Quirze do Vallés, Cerdanyola do Vallés, Ripollet, Poblet do Vallés e Sant André do Besós.

Murcia e Almería sufriron en outubro de 1963 unhas graves  inundacións que deixaron 300 mortos e grandes danos.

Granada, 19 de setembro de 1973, 250 falecidos.  O concello de Albuñol, na costa barcelonesa, foi o epicentro dun terrible asolagamento que afectou asimesmo a Murcia e Almería. Moitos cadáveres foron recuperados, pero moitos outros desaparecidos nunca foron achados.

En outubro de 1982, o encoro de Tous rompeu. A causa fundamental foi asimesmo unha “gota fría” que fixo que o río Xúcar anegara toda a comarca da Ribera e Valencia arrasando pobos enteiros, con enormes danos e 40 falecidos.

O 16 de agosto de 1983 rebordou o río do Nervión en varios puntos de Biscaia, especialmente en Bilbao e a súa comarca, onde a auga acadou unha altura de 5 metros, o que obrigou á veciñanza de Busturia a levar os seus vehículos ao máis alto do monte co obxectivo de evitar que as riadas os arrastrasen á ría.  Houbo 5 desaparecidos.

O 7 de agosto de 1974, unha grande avenida arrasou o Camping Las Nieves, situado na desembocadura do río Gállego, na localidade de Briviescas (Huesca), co resultado de 87 persoas mortas e 187 feridas.

En Badajoz, na amencida de 6 de novembro de 1997, a choiva -156 litros por metro cadrado en  catro horas- deixou 25 mortos en Extremadura e numerosos danos na capital pacense, onde 1.200 familias perderon as súas casas.

Na tarde do 9 de outubro de 2018, Mallorca recibiu 220 litros  de choiva por metro cadrado que provocaron 13 vítimas mortais.

Entre o 19 e o 20 de xaneiro de 2020, a borrasca Groria trouxo vento, choiva e mesmo neve. Aquí contabilizaron 13 mortos, entre Alacante e Valencia. 

Menos vítimas produciu en Andalucía a borrasca Filomena, en xaneiro de 2021. Foron choivas torrenciais no sur de España, ás que se sumaron o frío e a neve.

O aquí recolleito non é outra cousa ca unha mostra do que o tempo pode facer -de feito, fai- e o que se pode agardar dun cambio climático que, sen dúbida, afecta a España, por moito que os negacionistas digan o contrario.