As investigacións xa rematadas de 19 sinistros dos tres últimos anos, con sete mortos, atribúen oito afundimentos e outros varios tipos de sinistros ao exceso de confianza dos patróns ou mariñeiros, combinado nalgúns casos con malas condicións marítimas, fronte a cinco casos de fallos materiais ou avarías

Os catro mortos e un desaparecido nos dous afundimentos de pesqueiros rexistrados nas últimas horas en Galicia supoñen a peor xornada para o sector do mar no país desde que hai xusto catro anos o afundimento do Paquito Dos fronte a Corrubedo deixara tres falecidos. Neste tempo producíronse outros moitos sinistros no mar, varios deles con falecidos, cuxas investigacións por parte da comisión de análise correspondente do Ministerio de Fomento concluíron en máis da metade dos casos atribuíndo a causa dos mesmos a que os patróns ou a tripulación se confiaron e non percibiron correctamente o risco existente, combinado nalgúns casos con malas condicións climatolóxicas. Como segunda causa de sinistros, Fomento vén apuntando a fallos de materiais ou avarías. En todos os casos, tanto a tripulación como os buques contaban con toda a documentación e permisos en regra.

A Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) é o órgano do Ministerio de Fomento encargado de analizar eses sinistros. No seu último informe anual, o de 2017, sinala que nese exercicio se produciron 298 accidentes en todo o Estado, 75 deles (o 25%) en Galicia. Porén, a comisión só investiga os de maior gravidade, un total de 30 o pasado ano, dos que 11 (o 37%) ocorreron en Galicia. As investigacións aínda non remataron en todos os casos, especialmente os deste mesmo ano, pero unha análise das xa divulgadas nos últimos tres anos, un total de 50 en todo o Estado das que 19 corresponden a Galicia (o 38%), con sinistros de 20162017 e 2018, permite facer unha radiografía da situación. 

Accidentes marítimos rexistrados en 2017 © CIAIM

Dos 19 sinistros xa investigados en Galicia nos últimos tres anos, dous foron abordaxes entre distintos tipos de embarcacións, nun morreu un turista nun barco de pasaxe e os outros 16 involucraron a barcos pesqueiros

Neses 19 accidentes marítimos xa investigados en Galicia nos últimos tres anos, na gran maioría estiveron involucrados barcos pesqueiros, e en total morreron sete persoas. Dous dos 19 sinistros foron abordaxes sen feridos entre distintos tipos de embarcacións e noutro caso morreu un pasaxeiro dun barco turístico do Grove que caeu ao mar ao confundir unha porta da embarcación, sinistros por tras dos cales os investigadores viron erros humanos.

Dos 16 accidentes restantes, en todos estiveron involucradas embarcacións pesqueiras de distintos tamaños. E en oito deles nos que o barco acabou afundindo, a conclusión dos investigadores de Fomento foi que o patrón ou a tripulación en xeral se confiou e non percibiu correctamente o risco existente, que á súa vez na metade dos casos víase agravado polo mal estado do mar.

O caso máis grave dos xa investigados por Fomento nos últimos tres anos foi o do afundimento o 29 de xaneiro de 2016 da lancha Látigo nas proximidades das illas Cíes no que desapareceron os seus dous tripulantes. Segundo o informe, a lancha “dedicouse á pesca en lugar de alto risco, en condicións marítimas moi severas para as dimensións e características da embarcación” e os tripulantes “prescindiron de medidas elementais de seguridade”, o que para Fomento denota “unha deficiente percepción do risco e falta de conciencia de seguridade”. A alerta da desaparición dos mariñeiros deuna un familiar tras constatar que non volveran a porto á hora prevista.

PUBLICIDADE
  •  
  •  
Fragmento do informe sobre o afundimento en 2016 dunha lancha nas Cíes no que desapareceron dous mariñeiros © CIAIM

Tres meses despois, o 6 de maio de 2016, outra lancha similar, a Rebeca, tamén con dous tripulantes a bordo, afundiu na entrada norte da ría de Vigo, entre Cangas e as Cíes, morrendo un dos mariñeiros e resultando o outro ferido leve. A conclusión de Fomento foi similar, que a lancha “dedicouse á pesca en lugar de alto risco en condicións meteorolóxicas e marítimas moi desfavorables para as dimensións e características da embarcación” cunha “ausencia total de conciencia de seguridade” por parte dos tripulantes. Canto ao rescate, o primeiro aviso do accidente emitiuse ás 8.13 horas e ás 9.03 o helicóptero de Salvamento da Xunta rescatou o corpo do falecido con parada cardiorrespiratoria. 

As investigacións xa finalizadas nos últimos tres anos tamén recollen outros seis casos de accidentes sen mortos nos que os barcos afundiron, por golpes de mar ou por embarrancar, porque os patróns ou tripulantes confiáronse demasiado, segundo as investigacións de Fomento. Así foi o caso, por exemplo, do Vilar Dous, que o 18 de novembro de 2016 afundiu preto da illa de Sálvora salvándose os seus tres tripulantes. A investigación concluíu que, nun día no que só estaba permitida a pesca en augas interiores das rías, o patrón decidiu “saír a navegar en condicións marítimas moi adversas para as dimensións e características da embarcación e para a zona concreta”.

Tamén nos accidentes a bordo os investigadores de Fomento detectan un exceso de confianza da tripulación

Fronte a este tipo de casos, nos que as embarcacións adoitan ser de pequeno tamaño, os sinistros xa investigados nos últimos tres anos que afectan a embarcacións de maior porte adoitan estar relacionados con outro tipo de causas, pero nalgún caso tamén relacionadas cun exceso de confianza da tripulación. Os outros tres mortos rexistrados neses outros sinistros xa analizados producíronse os tres ao ser golpeados eses tripulantes por diversos obxectos existentes nas cubertas de barcos nos que traballaban entre oito e dez persoas. Nun deses casos o golpe mortal atribuíuse á rotura insospeitada dunha cadea mentres que nos outros dous casos os falecidos, aos que as investigacións tamén atribúen exceso de confianza, atopábanse situados en lugares nos que non debían durante manobras de izado da pesca, nun dos casos malia advertencias previas do patrón e outros compañeiros.

5 accidentes atribuíronse a avarías ou fallos dos materiais, 3 deles por vías de auga por corrosión e 2 por incendios

Ademais dos anteditos oito casos de afundimentos que a comisión de Fomento atribuíu ao exceso de confianza das tripulacións, e dos tres casos de golpes recibidos en cuberta, nas investigacións dos últimos tres anos hai outros cinco casos de avarías ou fallos dos materiais, tres deles por vías de auga que se atribuíron á corrosión previa de diversos elementos das embarcacións e dous por incendios a bordo.

Malia que na maioría dos casos nos que Fomento atribúe a causa ao exceso de confianza das tripulacións non emitiu recomendacións, nalgúns si insiste na necesidade de maiores inspeccións laborais

Malia que na maioría dos casos nos que Fomento atribúe a causa dos sinistros ao exceso de confianza das tripulacións non se emitiron recomendacións de seguridade, nalgúns si que se insiste na necesidade de maiores inspeccións de riscos laborais por parte das autoridades incidindo en medidas como a vixilancia do uso permanente de chaleco salvavidas nas embarcacións máis pequenas. Igualmente, nos sinistros atribuídos a avarías ou fallos dos materiais, as recomendacións fan fincapé na importancia de que garantir a seguridade das reparacións ou traballos de mantemento que se fan nos buques para evitar que poidan modificar a súa configuración de seguridade e facilitar así o embarque de auga que faga perder a súa estabilidade. 

Tras a polémica pola falta de independencia da investigación oficial do accidente de Angrois, Fomento quere agrupar as comisións de investigación de accidentes marítimos, ferroviarios e aéreos nun só ente con máis autonomía e recursos

Todas estas investigacións administrativas veñen sendo realizadas pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), un dos diversos órganos de análise de accidentes que, xunto cos do ámbito ferroviario e o aéreo, o Ministerio de Fomento estuda agora englobar nun único ente con maior autonomía e recursos. Unha decisión derivada da polémica pola falta de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios na análise do sinistro de Angrois que concluíu considerando como única causa do mesmo o despiste que sufriu o maquinista. A UE criticou o funcionamento da CIAF e o xuíz vén de propoñer xulgar polo accidente tamén a un cargo de Adif.